Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

“AS7PARROQUIAS” Informa no seu último número das contas municipais e os baixos índices de delincuencia

“AS7PARROQUIAS” INFORMA NO SEU ÚLTIMO NÚMERO DAS CONTAS MUNICIPAIS E OS BAIXOS ÍNDICES DE DELINCUENCIA

Un novo número do boletín “As7parroquias”, editado polo Concello de Cedeira para ter informada á veciñanza, xa está na rúa. Trátase nesta ocasión dunha publicación chea de boas noticias, como son as que se refiren á economía municipal, ao éxito do segundo festival de música galego-portuguesa e á recuperación da afectividade que sempre existiu entre a vila de Cedeira e Cuba, grazas á viaxe que un grupo de veciños fixo a primeiros de ano á illa caribeña.

Este boletín tamén recolle a iniciativa do equipo de goberno de transformar o castelo da Concepción nun centro de intepretación do achado na excavación arqueolóxica do Sarridal, da posta en funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística e os baixos índices de delincuencia que sairon á luz con motivo da celebración da Xunta Local de Seguridade, unha xuntanza que non tiña lugar desde o ano 2007.

A recuperación da festa da rapa das bestas, as obrigas que se derivan da nova Lei de montes e a política do goberno municipal ao respecto da praia da Madalena son outras das noticias que tamén figuran nunha publicación que se reparte de maneira gratuíta entre toda a veciñanza.

VER TODOS OS BOLETÍNS “As 7 parroquias”

Cedeira verifica o bo estado de conservación da sauna castrexa

CEDEIRA VERIFICA O BO ESTADO DE CONSERVACIÓN DA SAUNA CASTREXA

A escavación da sauna castrexa do Campo do Castro, na Punta do Sarridal, permitiu constatar o bo estado de conservación do monumento, un dos cinco achados en Galicia. O Concello de Cedeira financia esta cuarta intervención, en marcha ata o día 20. Os traballos de restauración e consolidación finalizou, cun equipo de tres persoas, e a escavación dirixida por Emilio Ramil, na que participan outro arqueólogo e catro auxiliares, continúa.

«En conxunto, o resultado é espectacular, porque se conserva a sauna enteira, con todos os elementos, e en moi bo estado», recalca Ramil. «Esta vez tratábase de consolidar os muros da antecámara, a porta de acceso e o banco onde se relaxaban despois do baño de vapor. E tamén a porta do forno, coas bocas de alimentación, unha por onde metían a madeira para queimar, e outra orientada á piscina, onde botaban a auga fría para producir o vapor», detalla. A sorpresa chegou ao descubrir que entre a cámara e a antecámara, onde se sitúa o monólito de pedra, «xusto antes, hai un sistema de muros que forman unha falsa bóveda, polo que habería un dobre arco, o da parte baixa do monólito e o construtivo, por aproximación de fiadas de mampostería. Non o esperabamos, sería un reforzo para evitar a saída do vapor», explica. Mentres, seguen escavando «entre o paramento interno da muralla e o exterior do monumento con forno, para deixar á vista a porta de acceso á zona de alimentación». E xa albiscan outras estruturas, como un edificio cuxa funcionalidade aínda ignoran, e un muro máis pequeno con pavimento, da primeira fase de ocupación do castro.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Cedeira verifica o bo estado de conservación da sauna castrexa

A oficina de turismo e o Castelo da Concepción amplían os seus horarios de atención ao público e de visitas

A OFICINA DE TURISMO E O CASTELO DA CONCEPCIÓN AMPLÍAN OS SEUS HORARIOS DE ATENCIÓN AO PÚBLICO E DE VISITAS

Desde o día de hoxe e ata o mes de setembro, a oficina de turismo de Cedeira amplía o seu horario de atención para adaptarse á demanda dos moitos visitantes que, de maneira especial, se achegan a esta localidade costeira durante
o verán.

A oficina, situada no número 18 da avenida Castelao, pasa a abrir de luns a venres en horario de 9.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00, os sábados de 10.00 a 14.00 e os domingos de 11.30 a 13.30 horas.

Estes cambios tamén chegan ás visitas guiadas ao castelo da Concepción, que se intensifican pero que manteñen o seu carácter gratuíto. Así este fortín do século XVII abrirá as súas portas aos viaxeiros de martes a venres de 10.30 a 14.30, os sábados de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas e os domingos de 12.00 a 14.00 horas. Os luns permanecerá pechado.