Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A festa de Lugnasad chega este ano á súa décima edición

A FESTA DE LUGNASAD CHEGA ESTE ANO Á SÚA DÉCIMA EDICIÓN

A Asociación de Amigos de Lugnasad convoca para os días 24 e 25 a décima edición de Lugnasad, unha celebración de orixe celta para elixir á persoa, sexa home o muller, coa que se quere pasar o inverno que está por vir. Arredor de 30 parellas de Galicia, España, Francia e unha chegada expresamente desde Colombia tomarán parte nunha festa que este ano, como principal novidade, presenta a recepción dos noivos por parte das autoridades locais. Será o sábado, ás 12.30 horas, no Concello.

O programa arrincará ás 21.00 do venres 24 coa lectura do pregón, a cargo de Germán e Peggi, unha das parellas máis lonxevas do Lugnasad, e a actuación de Antonio Rodríguez Bustabad, profesor da Escola de Música Vila de Cedeira, a partir das 21.30 horas.

A “Noite dos Druídas” dará comezo ás once da noite e terá como escenario a zona do Camiño Real da Madalena, un entorno urbano no que este ano terán lugar a maioría dos actos previstos. É o mesmo no que veciños e familiares dos noivos construirán as cabanas que axudarán a recrear un antigo poboado castrexo. A reunión dos druídas inclúe a preparación dunha gran queimada que máis tarde compartirán todos os presentes. A xornada finalizará coa actuación do grupo Airoa.

O calendario de actos do día seguinte, o 25, dará comezo ás 12.00 horas co desfile desde o poboado da Madalena ata a Casa do Concello, cuxo exterior servirá de marco para o posado fotográfico das parellas, mentres que a praza Roxa acollerá a súa presentación oficial. Será ás 13.00 horas.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá xogos populares para nenos (a busca do grial e o home do saco), e actividades para os maiores (lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro de corda). A actuación do grupo Asoaxe está prevista para as 20.00 horas.

A celebración das vodas celtas será ás 23.30 horas e, a continuación, dará comezo a cea dos noivos. A cerimonia é gratuíta e este ano oficiarase sobre a area branca da praia de Cedeira. Para asistir á cea é necesario facer a reserva na oficina de turismo (Palacete municipal). A festa concluirá pasadas as doce da noite coa actuación do grupo Farrapo de Ghaita.

Manuel Aneiros foi a persoa que tivo a idea orixinal e a que segue a levar o peso da celebración, para a que conta coa colaboración do Concello de Cedeira, a Asociación de Amigos de Lugnasad, a banda de música Vila de Cedeira, o ximnasio Area Gym, as asociacións de hostaleiros e comerciantes da vila e a entidade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido.

Aneiros destacou a importancia da festa pola gran afluencia de visitantes que atrae á vila, o que xenera bo ambiente e negocio tanto no sector da hospedería como no da hostalería.

As parellas que queiran pasar un inverno agarimoso aínda teñen a posibilidade de apuntarse a través do correo electrónico: galiciamagica@galiciamagica.com. Algunha das xa rexistradas veñen de Madrid, Barcelona, León, Sevilla, Cangas, Pontevedra, Ourense, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo, entre outros lugares de procedencia.

A vixencia da unión é dun ano, aínda que tampouco existe data de prescrición.

Máis información na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Información sobre Lugnasad 2018

Andrés Gabarres Cagiao foi o gañador do IV Certame de pintura rápida “Vila de Cedeira”

ANDRÉS GABARRES CAGIAO FOI O GAÑADOR DO IV CERTAME DE PINTURA RÁPIDA “VILA DE CEDEIRA”

Andrés Gabarres Cagiao, de Ferrol, foi o gañador da cuarta edición do certame de Pintura Rápida “Vila de Cedeira”, unha convocatoria que este ano reuniu a un total de 14 artistas. Gabarres Cagiao pintou a praza da Rectoral.

O segundo premio foi para Roberto Castro Iglesias, que optou por reproducir a praza do Peixe, mentres que Pío Costa Beiro -gañador da primeira edición do concurso- se fixo co terceiro cunha obra colorista a Ponte Vella.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, e máis a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, presidiron o acto de entrega de premios e destacaron o magnífico nivel das obras presentadas ao certame que cada ano que pasa ten moitos seguidores.

O Concello repartiu entre os premiados un total de 1.900 euros, de maneira que o primeiro recibiu 800; o segundo 600 e o terceiro 500, ademais dos diplomas correspondentes.

O IV Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira será o domingo día 19

O IV CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA SERÁ O DOMINGO DÍA 19

O Concello de Cedeira organiza para o próximo domingo a celebración da cuarta edición do Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira, unha convocatoria aberta á participación de afeccionados e profesionais que este ano chega cun considerable incremento no importe dos premios.

Así, dos 1.300 euros repartidos no 2017 se pasa aos 1.900 euros previstos para esta edición. A devandita cantidade repartirase entre os 800 que recibirá o primeiro clasificado, os 600 cos que se premiará ao segundo e os 500 que se levará o terceiro. Os interesados deben apuntarse, antes das dez da mañá, no punto de información turística situado na praza da Marieta.

O concurso dará comezo ás dez da mañá e finalizará ás cinco da tarde, polo que os participantes disporán de sete horas para plasmar os encantos da vila. A decisión do xurado, que estará integrado por Adrián Taracido, Jane Danko e Jesús Carballeira, darase a coñecer ás seis da tarde na Sala Áncora, situada na praza Roxa. Todas as obras premiadas pasarán a ser propiedade do Concello.

O equipo de goberno anima a veciños e visitantes a participar nunha convocatoria na que o ano pasado tomaron parte un total de 24 artistas -sete máis que no 2016- chegados de moi distintos lugares da xeografía galega. De feito o primeiro e o segundo premio correspondieron a Eduardo Pérez Baamonte, de Cambados, e José Carlos Triñones Buceta, de Rianxo. Manuel Carballeira, de Valdoviño, quedou terceiro.

Poden consultarse e descargarse as bases na seguinte ligazón:

DESCARGAR PDF Bases do IV Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira