Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Cedeira pecha as festas de agosto hoxe coa procesión marítima e mañá coa xira de San Antón

CEDEIRA PECHA AS FESTAS DE AGOSTO HOXE COA PROCESIÓN MARÍTIMA E MAÑÁ COA XIRA DE SAN ANTÓN

As festas de Cedeira están a entrar na súa recta final coa celebración hoxe xoves da procesión marítima e na xornada de mañá dedicada á xira.

Así, para hoxe, a programación festiva inclúe a saída da Virxe do Mar pola ría acompañada pola Banda Vila de Cedeira. Este acto será xusto despois de se rematar a misa que ás 11.00 horas terá lugar na igrexa parroquial.

Xa pola tarde, a praza do Floreal acollerá a actuación da compañía Desincronacidas que porá en escena o espectáculo cómico “Oh Olimpiadas”. A verbena, que dará comezo ás 22.30, correrá a cargo da orquestra Pontevedra e será na praza Roxa.

Mañá venres 17 é a xornada que levará a moitos veciños e veciñas de Cedeira a pasar o día de romería ao pé da ermida de San Antón de Corveiro. A última actuación do programa festivo correrá a cargo do grupo Nueva Fuerza e será, a partir das 22.30 horas, na praza Roxa.

A partir de hoxe, o Castelo da Concepción tamén se poderá vistar polas tardes os días laborables

A PARTIR DE HOXE, O CASTELO DA CONCEPCIÓN TAMÉN SE PODERÁ VISITAR POLAS TARDES OS DÍAS LABORABLES

O Concello de Cedeira amplía o horario de visitas ao castelo da Concepción desde o día de hoxe, xoves 16 de agosto, ata o próximo mes de setembro para facilitar o acceso a esta construción do século XVIII.

As visitas continúan a ser gratuítas, e logo da ampliación do horario, o castelo poderá ser visitado de martes a sábado en horario continuado de 10.30 h a 20.00 horas, e os domingos en horario de mañá e tarde, de 12.00 h a 14.00 h e de 16.00 h a 20.00 horas. Os luns permanecerá pechado.

Onde non hai novidades é con respecto á oficina de Turismo -ubicada no número 18 da avenida Castelao- que mantén o seu horario de verán, que é de luns a venres de 9.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00, os sábados de 10.00 a 14.00 horas; os domingos permanecerá pechada.

Hoxe actuarán as Orquestras Panorama e Claxon e queimaranse 151 quilos de pólvora nos fogos

HOXE ACTUARÁN AS ORQUESTRAS PANORAMA E CLAXON E QUEIMARANSE 151 QUILOS DE PÓLVORA NOS FOGOS

As festas de Cedeira chegan a unha das datas máis importantes deste calendario festivo de verán, o día da Patroa. Ata un total de cinco actividades distintas daranse cita nunha xornada que, a nivel de animación, dará comezo coa sesión vermú a cargo da Banda Pro Cedeira na praza Roxa.

O programa “Seráns na rúa en familia” traerá á vila de Cedeira o espectáculo “La Coquette” da man do grupo Kanbahiota. Será ás 20.00 na praza Floreal.

A partir das 23.00 horas comezará a actuación da orquestra Claxon na praza Roxa, que concluirá un pouco antes das doce da noite para dar paso a sesión de fogos artificiais. con algo máis de 150 quilos de pólvora representaranse emoticonas, palmeiras e ata champiñóns na ceo cedeirense. Serán máis de 14 minutos de luces e estrondo nunha sesión que correrá a cargo da empresa Rochas Arias e cuxa seguridade estará nas mans de axentes da Policía Local e de voluntarios de Protección Civil.

A noite da patroa pechará ata o ano que vén coas actuacións da orquestra Panorama na praza da Revolta e a Claxon na praza Roxa.