Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

As Amas de Casa promocionan a cociña local cun curso que arranca o día 6 de febreiro

AS AMAS DE CASA PROMOCIONAN A COCIÑA LOCAL CUN CURSO QUE ARRANCA O DÍA 6 DE FEBREIRO

Por segundo ano consecutivo, a Asociación de Amas de Casa de Cedeira organiza un curso de cociña para promocionar a gastronomía local.

A iniciativa dará comezo o día 6 de febreiro e será impartida polo cociñeiro do restaurante Brisas, Lois Iglesias Gómez. As prazas, un total de 22, esgotáronse moi rapidamente.

As instalacións sociais da entidade, situadas na rúa Ortigueira, acollerán un programa que se impartirá os mércores, en horario de 18.00 a 20.00 horas, e que se prolongará ata os últimos días do próximo mes de marzo.

A presidenta da entidade, Ángeles Villar Fraguela, agradece tanto o interese dos participantes como a boa disposición que a asociación vén de atopar entre os profesionais do sector que, coas súas ensinanzas, contribúen a difundir e conservar o bo facer da cociña local.

O ciclo Teatro Adultos arranca o sábado 26 coa obra “O Furancho”, ás 20.00 horas, no Auditorio

O CICLO TEATRO ADULTOS ARRANCA O SÁBADO 26 COA OBRA “O FURANCHO”, ÁS 20.00 HORAS, NO AUDITORIO

O ciclo Teatro Adultos- o segundo programado polo Concello para achegar o mundo da escena á poboación local- dará comezo o próximo sábado, día 26, coa representación da obra “O Furancho” a cargo da compañía Ibuprofeno Teatro. Trátase dun espazo cargado de ‘agroglamour’ no que se fusionan as tendencias máis ‘trendies’ con elementos propios da máis pura tradición galega, como as zocas.

Esta programación terá continuidade o mércores 30 coa obra “D.E.P.” do grupo Malasombra Producións. A obra mostra unha situación moi recoñecible polo espectador: a pelexa pola herdanza, aínda que neste caso se trata do legado dunha nai que está viva.

O ciclo Teatro Adultos rematará o día 23 de febreiro coa obra “Loló e mamá” sobre o escenario do auditorio municipal. A peza estará representada pola compañía De Ste Xeito Producciones. É unha comedia na que Argot, nai de Loló, queda no paro e decide instalarse na casa da súa filla, a un océano de distancia. Pero o que parecía unha boa idea pasa a ser un verdadeiro desastre. As tres citas desde programa darán comezo ás 20,00 horas.

 

O Concello organiza obradoiros de manualidades e tapices

O CONCELLO ORGANIZA OBRADOIROS DE MANUALIDADES E TAPICES

O Concello pon en marcha dous obradoiros, de tapices e manualidades, abertos a todos os veciños e veciñas.

No obradoiro de tapices, os participantes recibirán algunhas leccións básicas de técnicas e deseño para a elaboración de debuxos sinxelos en tapiz. As clases de manualidades serán impartidas por Fernando Villoslada, gratuitas e abertas a todo o mundo, e terán lugar nos baixos da Praza da Rectoral, e nelas desenvolveranse actividades de modelado en barro, escaiola, xeso, elaboración de moldes e restauración.

Para máis información e inscricións, os interesados deberán achegarse á Oficina de Turismo ou contactar telefónicamente no 981 482 187.