Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A compañía Galitoon pecha o sábado o ciclo Teatro Familiar coa obra “Güela Güela”

A COMPAÑÍA GALITOON PECHA O SÁBADO O CICLO TEATRO FAMILIAR COA OBRA “GÜELA GÜELA”

A vila de Cedeira despedirá este sábado (día 16) o ciclo Teatro Familiar coa representación da obra “Güela Güela” no auditorio municipal.

A función, que dará comezo ás 18.00 horas, correrá a cargo da compañía Galitoon, da que forman parte Chisco Casteleiro, Ana Conca, Vicky Pérez e Belén González.

O prezo das entradas é de 2,5 euros e as localidades poderanse adquirir ese mesmo día na billeteira do auditorio.

Trátase dun espectáculo de monicreques que ten como protagonista a unha pequena cegoña, chamada Güily. Na obra reálzase o valor da amizade, da solidariedade e da familia. É unha historia chea de diversión, humor e música.

Cedeira invita á veciñanza a secundar a concentración deste venres polo Día da Muller

CEDEIRA INVITA Á VECIÑANZA A SECUNDAR A CONCENTRACIÓN DESTE VENRES POLO DÍA DA MULLER

O goberno de Cedeira invita ao conxunto da veciñanza da vila e mesmo do municipio a participar na concentración que terá lugar o próximo venres, día 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller.

O acto, que se levará a cabo diante da Casa do Concello, dará comezo ás 12.00 horas e consistirá na lectura dun manifesto, a cargo da concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez. “Se nós paramos, o mundo para!!” é o lema dunha convocatoria que se pretende que sexa seguida pola inmensa maioría da poboación local.

Antonia Rodríguez Díaz, elixida Muller da Vila 2019 pola Asociación de Amas de Casa de Cedeira

ANTONIA RODRÍGUEZ DÍAZ, ELIXIDA MULLER DA VILA 2019 POLA ASOCIACIÓN DE AMAS DE CASA DE CEDEIRA

Antonia Rodríguez Díaz vén de ser elixida Muller da Vila 2019, un recoñecemento público, por parte da Asociación de Amas de Casa de Cedeira, que a homenaxeada recibirá no transcurso da comida que a entidade promove para o domingo día 10 de marzo.

A presidenta da asociación, Ángeles Villar Fraquela, significou o traballo social e de acompañamento que Antonia Rodríguez Díaz levou a cabo entre os toxicómanos e as súas familias nos anos máis duros da droga na vila, un labor que tamén fixeron outras persoas pero na que “Antonia foi pioneira e se involucrou de maneira especial”, segundo Ángeles Villar. A homenaxeada recibirá unha figura da peixeira de Sargadelos, así como unha mantilla feita polas alumnas do obradoiro de encaixe.

A entrega do premio producirase durante a comida que, por segundo ano consecutivo, organizan as Amas de Casa con motivo do Día da Muller Traballadora (8M). A cafetería do auditorio municipal acollerá unha celebración que dará comezo ás 14.30 horas e na que, ademais de salpicón, empanada, xamón asado, ensaladas, sobremesas, bebidas e café, haberá sorteo de agasallos e a actuación do dúo feminino “Oasis”.

O Concello tamén participa nesta celebración coa conferencia que Carmen Avendaño Otero -coordinadora da Fundación Érguete-Integración- pronunciará ás 12.30 horas nas instalacións do auditorio. Carmen Avendaño fundou a Federación Provincial e a Federación Galega de Axuda aos Drogodependentes e destacou pola súa loita contra o narcotráfico, denunciando aos grandes traficantes e organizando plans de rehabilitación e reinserción. Recibiu moitos recoñecementos e distincións, entre os que destacan a Cruz de Prata da Orden Civil da Solidaridad Social (2010), o premio Galicia en Feminino da Xunta de Galicia (2002), o Nacional do PSOE Rosa Manzano e o de Xustiza e Sociedade(1993).

As persoas que poidan estar interesadas en asistir á comida xa poden apuntarse nos números de teléfono 636 787 265 e 649 703 998. A participación implica o pago dunha cota de 15 euros para as socias e de 20 para o público en xeral. Só se admitirá a presenza feminina. A primeira convocatoria reuniu a unhas 80 mulleres.