Augas de Galicia acometerá obras de mantemento e conservación no Río Condomiñas
O goberno de Cedeira agradece a Augas de Galicia a intervención que proximamente levará a cabo no leito do río Condomiñas xa que responde á demanda realizada no seu día e de maneira conxunta polo Concello e a Asociación Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE).
Esta petición fora abordada na reunión que o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e máis o presidente de ARCE, Camilo Casal, mantiveron o pasado mes de decembro coa subdirectora xeral de Planificación e Proxectos de Augas, Patricia Montes.
A actuación prevista consistirá principalmente na retirada de árbores caídas e na eliminación do tapón que se forma á beira do río, á altura do polígono da Xunqueira, polas naves que chegan prácticamente ao borde do Condomiñas. Os traballos desenvolveranse ao longo ´de 1.025 metros.
O rexedor municipal reitera o interese do Concello en potenciar a rexeneración do leito fluvial, para contribuír á conservación da natureza e para facelo máis atractivo cara ao uso tanto da veciñanza como de turistas e visitantes.
Neste sentido, Pablo Diego Moreda destacou o traballo que desde o Concello se leva realizado nesta dirección, así como o compromiso que existe por parte de ARCE en seguir apostando pola recuperación integral do río Condomiñas.
As intervencións levadas a cabo ata de agora deron lugar á recuperación dun quilómetro do curso fluvial, pero a idea é moito máis ambiciosa. A pretensión é facer da beira do río un camiño transitable desde a vila de Cedeira ata o lugar de San Andrés de Teixido. Alcanzar este obxectivo require actuar en sucesivos tramos ata completar a distancia de seis quilómetros que existe entre ambos puntos.
Un convenio de colaboración entre Augas de Galicia, Concello e Arce tamén é unha opción que tampoco se descarta para acometer as tarefas pendentes ata a recuperación integral do Condomiñas.