Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

APROBADAS AS BASES DA NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ASOCIACIÓNS SOCIOCULTURAIS DE CEDEIRA

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a nova convocatoria de subvencións para entidades e asociacións socioculturais de Cedeira, que neste 2023 incrementa a súa dotación nun 66% respecto ao ano pasado e chega a un total de 60.000€. Como en exercicios anteriores, o programa estrutúrase en dous apartados, o de actividades e o de investimentos, un para apoiar os gastos de funcionamento, desprazamentos, persoal, seguros e todo o que é preciso para o funcionamento das entidades e todas as súas propostas, e outro para que poidan mercar diferentes materiais inventariables que fan posible ou melloran o seu labor.

O prazo para solicitar estas axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva en función da aplicación dos criterios obxectivos establecidos na convocatoria, será de 15 días a partir da publicación das bases –en próximas datas- no Boletín Oficial da Provincia. O gasto das axudas concedidas deberá realizarse antes do 15 de novembro e a xustificación do mesmo terá que estar presentada antes do 30 do mesmo mes deste ano.

Ao capítulo de actividades destinou o Concello de Cedeira unha contía de 45.000€ este ano (foi de 30.000 en anos anteriores). As axudas, neste caso, van destinadas a subvencionar actividades musicais, teatrais e outros programas e actividades socio-culturais. Son gastos que poden acollerse a esta liña a compra de trofeos, material non inventariable e funxible, desprazamentos para participar en eventos, alugamento de locais e materiais, pago a persoal, facturas de mantemento como o teléfono, a luz, etc., seguros, cartelería e demais traballos de divulgación das actividades.

No apartado de investimentos, ao que o Concello reserva 15.000€ (eran 6.000€ en convocatorias anteriores), as entidades poden atopar os recursos precisos para mercar material, sempre inventariable e con importe igual ou superior a 100€, que estea directamente relacionado coa súa actividade.

Tal como establecen as bases, entre os criterios puntuables para a concesión das axudas está o número de socios, antigüidade, instalacións, desenvolvemento de actividades nas parroquias, participación feminina, contratación de persoal, desprazamentos, etc.