Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“ANATOMÍA DUNHA SEREA”, TEATRO SOBRE A VIOLENCIA OBSTÉTRICA, ESTE SÁBADO NO AUDITORIO MUNICIPAL

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 23 de abril, ás 20.00 horas, a obra teatral “Anatomía dunha serea”. A montaxe, de 75 minutos de duración, é unha proposta de teatro autobiográfico e documental que conta a experiencia persoal da actriz protagonista, Iria Pinheiro. Unha peza que recolle e pon en valor a través dunha única voz as vivencias dunha muller que é nai e vítima de violencia obstétrica. O prezo da entrada é de 2,5€.

Tras o seu parto, a protagonista narra os episodios violentos que viviu durante a estancia no hospital dun xeito directo e visceral. “Anatomía dunha serea” nace para contar un relato aparentemente íntimo e persoal pero que dá conta dunha realidade común a moitas mulleres no mundo, unha experiencia individual que se descobre verdadeiramente como unha historia global cun claro tinte de denuncia. A obra deixa ao descuberto os aspectos máis agrios da maternidade, tais como a violencia de xénero en lugares tan insospeitados como as salas de parto e a vulneración da intimidade das mulleres.

A obra foi galardoada con dous Premios María Casares no ano 2019: Mellor actriz e Mellor texto orixinal.