Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A VECIÑANZA DE CEDEIRA RECICLOU EN 2020 MÁIS DE 5 TONELADAS DE ACEITE USADO, UN 24% MÁIS QUE EN 2019

A veciñanza de Cedeira depositou durante o pasado ano 2020 nos contedores de recollida un total de 5.005 quilogramos de aceites de cociña usados, un 24% máis que o ano anterior. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, celebrou as cifras, que “reflicten a sensibilización da cidadanía sobre a importancia de coidar do medio ambiente” e sinalou que este esforzo ten unha consecuencia directa sobre a calidade das augas. Estímase que a vertedura dun litro de aceite pode chegar a contaminar máis de 1.000 litros de auga dos ríos ou do mar, polo que a actuación da poboación de Cedeira no pasado ano evitou a contaminación de máis de 5 millóns de litros de auga.

O incremento da reciclaxe de aceite de cociña produciuse tamén como consecuencia do aumento do número de colectores instalados polas diferentes parroquias de Cedeira. Así, no ano 2018 e 2019, cando había 10 contedores de recollida, a veciñanza depositou 3.925 e 3.810 kg, respectivamente. No ano 2020 dispuxeron de seis máis, ata un total de 16, o que favoreceu un mellor resultado. O alcalde amosouse moi satisfeito e apuntou que “froito do traballo colectivo que fixemos nos últimos anos, conseguimos que as augas das praias da Madalena e Area Longa teñan de novo a cualificación de excelente”.

Cómpre recordar que o goberno local levou a cabo nos últimos anos diferentes iniciativas dirixidas a sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de coidar o medio ambiente, unha delas a de sinalizar os sumidoiros na vila coa mensaxe “A ría comeza aquí. Axuda a mantela limpa”. Trátase de subliñar que tirar a través deles augas sucias de fregar, con deterxentes, é o mesmo que tirarlas directamente ao río ou ao mar.

Tirar o aceite usado polo vertedoiro da cociña provoca problemas nas depuradoras e nas tubaxes, de maneira que o máis recomendable é recollelo nun recipiente e levalo ao contedor para a súa reciclaxe. Ademáis de evitar problemas e gastos no mantemento de depuradoras e na rede, o aceite pode aproveitarse para fabricar biodiésel para un transporte máis sostible, e para outros usos.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA