Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A SERRA DA CAPELADA PROTAGONIZA O MURAL DO PROXECTO DE XEOPARQUE NO CASCO VELLO DE CEDEIRA

O artista rianxeiro Nove Noel vén de rematar o mural que enche todo un lateral da nova praza pública situada xunto ao Pazo de Moscoso. É unha peza artística realizada ao abeiro do programa de intervencións de arte urbana promovido no marco do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal e dun convenio de actividade financiado pola Deputación da Coruña. A obra destaca a especial relación entre o mar e a terra que se establece na Serra da Capelada, da que se presentan os seus acantilados, unhas vacas con un gandeiro e tamén unha escaladora, así como o detalle da herba de namorar.

A pintura sitúa ao espectador diante do “punto exacto entre o mar e a terra”, tal e como pode lerse no mural, e invita a ser capaz de ver o que é “moito máis que unha paisaxe”, un lugar que conxuga patrimonio, tradición, espiritualidade, historia e lendas… A presencia do gandeiro e a escaladora destaca os mundos distintos que conviven neste enclave e a gran variedade de actividades que dinamizan e dan identidade ao territorio.

Unha das estampas máis características neste espazo é a do gando pastando en liberdade polos montes comunais da serra. A gandaría aquí ten unha gran relevancia, non só a nivel económico, senón tamén a nivel social e ambiental. A Serra da Capelada é ademais un lugar que alberga moitas actividades de turismo activo, tamén importantes para o desenvolvemento local, económico e turístico de Cedeira. Nos últimos anos estas actividades foron gañando máis protagonismo e entre elas cómpre destacar a estrea da Senda do Santo, a primeira vía ferrata de Galicia.

Nove Noel ten realizado murais dentro e fóra de Galicia, así como en outros países como Portugal, Alemaña, Francia e México. É titulado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago e técnico en ilustración pola ESAD Pablo Picasso da Coruña. Ten recibido diferentes premios e becas artísticas.