A ESCOLA INFANTIL DE CEDEIRA LOCE XA UN EXTERIOR ARRANXADO E UNIFORME TRAS AS ÚLTIMAS OBRAS
A escola infantil de Cedeira loce xa co seu exterior arranxado e uniforme despois das obras que realizou o Concello no edificio da ampliación. A administración municipal investiu máis de 61.000€ nos traballos de reparación e pintado das fachadas, no cambio dos ventanais e o arranxo do beirado do tellado. O goberno local amósase satisfeito co resultado da intervención neste edificio, que acollía antigamente o colexio de Santa María do Mar e ao que se ten especial cariño na vila, e destacan que o centro presenta un aspecto moi alegre, pola estética do propio inmoble e tamén polo mural que adorna o peche, obra do artista local Adrián Taracido e parte do programa de arte urbano que puxo en marcha nos últimos anos o Concello.
Cómpre recordar que a ampliación da escola da rede A Galiña Azul en Cedeira levouse a cabo hai dous anos e permitiu pasar de 58 a 78 prazas para nenos e nenas de cero a tres anos. O centro ocupaba antes un dos dous inmobles xemelgos que formaban o colexio de Santa María do Mar e o Concello cedeu o segundo para levar adiante o proxecto. Daquela acometeuse a adecuación interior do inmoble cun investimento de máis de 141.000€ que asumiu o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar coa colaboración municipal, que custeou unha terceira parte da actuación. Estaba pendente a adecuación do exterior do inmoble, para resolver as deficiencias que presentaba e tamén para facer uniforme, co edificio anexo, o aspecto do centro.
Os traballos consistiron no cambio de seis ventanais, a limpeza, reparación, pintado e impermeabilización das fachadas e no arranxo do tellado. Concretamente, esta última parte da obra consistiu na desmontaxe de parte das tellas e o formigonado das cornixas, nas que tamén se instalaron novos caleiros.