A compañía De Ste Xeito Producciones representará o sábado en Cedeira a obra “Loló e mamá”
A COMPAÑÍA DE STE XEITO PRODUCCIONES REPRESENTARÁ O SÁBADO EN CEDEIRA A OBRA “LOLÓ E MAMÁ”
A programación Teatro Adultos de Cedeira chegará a próxima fin de semana á súa segunda cita coa posta en escena da obra “Loló e mamá” por parte da compañía De Ste Xeito Producciones. Será o día 23, ás 20.00 horas, no auditorio municipal. O prezo da entrada é de 2,5 euros e poderanse adquirir na billeteira do auditorio desde as sete da tarde do día da función.
A peza, que será interpretada polas actrices Stephy Llaryora e Josi Lage, conta a historia dunha nai que, tras quedar no paro, decide instalarse na casa da súa filla. Pero o que parecía unha idea xenial convértese nun verdadeiro desastre. As dúas protagonistas fan ver ao espectador, grazas a un humor fino e ácido, que as cousas son máis difíciles do que a nós nos gustaría, e sobre todo que o amor é unha arma de dobre filo: canto máis se ama, máis se sofre.
Trátase dunha comedia, cuxa dirección correrá a cargo de Esther F.Carrodeguas, dirixida a público adulto e cunha duración aproximada de 75 minutos.