A CANTORA GALEGO-BELGA VERÓNICA CODESAL LEVA A CEDEIRA ESTE VENRES O SEU NOVO DISCO “100 VOLTAS”
O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este venres, 10 de novembro, un concerto da xira de presentación do disco “100 voltas” de Verónica Codesal. A líder do grupo Ialma, que acadou sona internacional coa súa participación e segundo posto no festival de Eurovisión no ano 2003, propón neste disco unha viaxe á esencia da cultura e a tradición galegas baixo o foco da contemporaneidade. O concerto, de entrada gratuída, será ás 21.30h e forma parte do ciclo Outono Cultural da Deputación da Coruña. É preciso reservar a entrada antes das 14.00 horas do xoves, a través do whatsapp no número 649876614.
A pandereteira e cantante Verónica Codesal comparte esta nova aventura musical con dous instrumentistas portentosos que a teñen acompañado xa en moitas ocasións: Didier Laloy, ao acordeón diatónico, e Damiel Chienci ao violín. En “100 voltas”, Verónica Codesal mistura textos tradicionais, letras propias e tamén versos de poetas contemporáneas como son Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Rosalía Fernández Rial e Brais Fernandez. É un proxecto en feminino, no que cobran protagonismo as historias de mulleres, e incorpora, coincidindo co vinte aniversario do seu paso por Eurovisión co grupo Urban Trad, unha nova versión do tema “Sanomí”, co que Bélxica acadou aquel celebrado segundo posto.
Verónida Codesal, filla de emigrantes galegos en Bélxica, é unha activista da cultura e a lingua galegas. Entre 2002 e 2012, e desde 2015 ata hoxe é cantora do grupo Urban Trad, posto que comparte con Soetkin Collier. Forma parte tamén de diferentes proxectos municipais: Camaxe, Ialma, Vivas Niñas, e é profesora de danza galega no grupo Foliada. Participa tamén das actividades do Muziekpublique, un organismo de Bruxelas que traballa na promoción da música e baile tradicionais de todo o mundo.
Espectáculo de rock e maxia e pase dunha nova cita do ciclo Mestre Mateo
Xunto con este evento musical, a axenda cultural de Cedeira desta fin de semana abrangue tamén un orixinal espectáculo de maxia e rock. “Rock ‘n’ magia” é o título da función que, baixo a dirección de Fran Rei, mistura a actuación do Mago Teto con grandes temas de Led Zepellin, Dylan, Los Suaves e moitos outros, interpretados por Fer Risco á batería e Mon Orencio á guitarra. A función, dirixida a un público familiar, será o sábado ás 20.00 horas. O prezo da entrada será de 2,5€.
Continúa tamén ten un forte compoñente musical a proposta cultural do domingo. O Auditorio acollerá ese día, ás 19.00 horas, un novo pase do ciclo de cine en galego “Mestre Mateo”. Neste caso, proxectarase o documental “No somos nada”, que trata sobre a historia da lexendaria banda vasca La Polla Records. A cinta rememora a súa traxectoria a partir da rolda de prensa na que Evaristo Páramos, o seu carismático vocalista, anuncia o regreso aos escenarios do grupo despois de anos de silencio. A película foi finalista nos premios Mestre Mateo na categoría de mellor documental. A entrada será de balde.