A arqueoloxía será o tema da charla que o Concello programa para o venres 14 de decembro
O Concello de Cedeira promove para o próximo venres, día14, unha charla de arqueoloxía para afondar no coñecemento das pedras formosas, antigas saunas castrexas das que en Galicia existen un total de cinco, a última en Cedeira.
O auditorio municipal acollerá un acto que dará comezo ás 20.00 horas e no que intervirán Emilio Ramil González, arqueólogo e socio da empresa AXA, e máis Ángel Villa Valdés, do Real Instituto de Estudios asturianos.
Cuestións como a datación destas construcións a través da proba do carbono 14, que recentemente situou a atopada en Cedeira no século III a.C., e o descubrimento e interpretación das pedras formosas son algunhas das que serán abordadas polos expertos.
O interese da convocatoria leva ao Concello a invitar á veciñanza a acudir á charla para coñecer e valor o patrimonio local.