Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Texto leído por María Xosé Rodríguez onte na praza do Concello

TEXTO LEÍDO POR MARÍA XOSÉ RODRÍGUEZ ONTE NA PRAZA DO CONCELLO

“Hoxe é 8 de marzo, data que reivindica e simboliza a loita das mulleres na defensa dos seus dereitos laborais e a defensa da igualdade.

O 8 de marzo do 1857 un grupo de obreiras textiles protestaron polas rúas de Nova York polas míseras condicións nas que traballaban. A partir desa data sucederanse distintos movementos de carácter similar protagonizados por mulleres. De novo en marzo, do 1908, un grupo de mulleres traballadoras da fábrica Cotton de Nova York, reclamaban a igualdade salarial, a diminución da xornada laboral e un tempo para poder dar de mamar aos seus fillos, durante esa folga morreron máis de cen mulleres queimadas na fábrica.

As teas que fabricaban estas mulleres que morreron queimadas por defender os seus dereitos, eran de cor lila ou violeta, de aí que esa sexa a cor adoptada polo feminismo como bandeira.

No 1910, durante a 2ª Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras celebrada en Copenhague, aprobouse a declaración do 8 de marzo como día Internacional da Muller Traballadora. E xa no 1977 as Nacións Unidas declararon o 8 de marzo como Día Internacional da Muller. Co paso dos anos tanto a evolución do movemento feminista como as reaccións institucionais, fixeron pois que as reivindicacións só de carácter obreiro deran paso a converter o 8 de marzo nunha xornada na que se reclaman os dereitos de todas as mulleres en todos os ámbitos.

Este 8 de marzo de 2018, o movemento feminista convocou unha folga de mulleres, á que están chamadas a participar mulleres de máis de 57 países para denunciar e protestar polos ataques que sufrimos polo simple feito de ser mulleres.

A convocatoria internacional vai máis aló das discriminacións laborais; ás diferenzas salariais, á precariedade dos traballos feminizados, ao acoso, ou ás discrminacións por maternidade,sumánse tamén as agresións sexuais, a violencia machista e os asasinatos de mulleres.

Celebramos a folga de mulleres do 8 de marzo para rematar coas discriminacións e coa violencia contra as mulleres.

O goberno municipal de Cedeira apoiamos a folga feminista, a folga das mulleres porque toda a loita contra a discriminación e a violencia machista, toda a loita pola igualdade real é tamén a nosa loita, das mulleres e homes que formamos a día de hoxe o goberno municipal. E sumámonos con esta concentración a todas as que se celebran ao longo do día de hoxe nos distintos pobos e cidades do mundo. E pedímosvos a todas e todos que todo o reivindicado na data de hoxe non se quede só neste día, a loita pola igualdade e contra as discriminacións sufridas polas mulleres teñen que estar presentes no día a día de todas e de todos.”