Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

TEATRO DO ATLÁNTICO DÁ VIDA A ROSALÍA DE CASTRO NA OBRA LIBRE COMA OS PAXAROS

Teatro do Atlántico, unha das compañías dramáticas máis senlleiras e veterás de Galicia, achega este sábado a Cedeira a súa obra “Libre coma os paxaros”. Nesta montaxe a poeta Rosalía de Castro cobra vida, a través da interpretación da actriz María Barcala, e proclama a súa liberdade creativa e o seu compromiso diante das inxustizas que vive a sociedade do seu tempo. A representación será no Auditorio Municipal, ás 20.00 horas, e chega a Cedeira da man do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

Xulio Lago dirixe Libre coma os paxaros, construída sobre os versos, artigos e outros materiais da propia obra de Rosalía de Castro, acompañados pola música de Vadim Yukhnevich. Na peza, Rosalía de Castro declara o seu amor pola literatura e pola súa lingua e declara, desafiante, a súa vontade de non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa. Fala tamén da súa admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo e amosa a súa solidariedade e dor polas miserábeis condicións de vida que soportan.

A obra aborda tamén cuestións como o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E pon o foco sobre o silencio que todo o envolve.