A normalización lingüística é un proceso social participativo que, para acadar o éxito, debe ser protagonizado pola propia sociedade, implicándose esta nun proceso de cambio que as administracións públicas teñen a obriga e a responsabilidade de apoiar e promover.

Deste xeito, dinamizar a lingua galega e avanzar na normalización do seu uso entre a veciñanza é un dos obxectivos prioritarios fixados polo Concello de Cedeira para esta lexislatura. Con este fin, creouse recentemente o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) municipal, dentro das competencias da Concellería de Ensino e Mocidade.

O SNL do Concello de Cedeira inicia a súa andaina coa intención de poñer en marcha un programa ambicioso e multidisciplinar orientado a lograr a implicación progresiva dos distintos sectores sociais e profesionais. Entre as súas funcións inclúense accións de dinamización lingüística (fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico, propoñer actividades concretas que conciencien á sociedade respecto ao uso da lingua galega etc.) e asesoramento lingüístico (mellorar a calidade lingüística e comunicativa, normalizar a imaxe lingüística, resolver dúbidas lingüísticas), tarefas que se pretenden implementar cun espírito positivo, amable e integrador.

  • CAMPAÑA “OLE QUE ARRECENDE, SABE QUE ESMECHA”

    Dada a data de inicio do Servizo, e ante a inminente chegada de numerosos visitantes á nosa vila nesta época estival, pensouse no sector hostaleiro como primeiro destinatario. Deste xeito, o SNL do Concello de Cedeira lanza neste mes de agosto a campaña “Ole que arrecende, sabe que esmecha!”. No actual mundo globalizado, que impón unha uniformización empobrecedora, os aspectos diferenciais, as peculiaridades culturais, revalorízanse e convértense nun incentivo. Así, o idioma galego, o noso elemento identitario fundamental, singularízanos e reafirma a nosa existencia a nivel mundial. O emprego do galego constitúe, polo tanto, ademais dun exercicio cívico de responsabilidade de cara á protección e transmisión do noso patrimonio cultural, un valor turístico engadido no ámbito hostaleiro.

    Mesmo se non falan galego, os visitantes que se achegan á nosa vila agradecerán que, ao tempo que desfrutan da calidade dos nosos produtos, lles ofrezamos a posibilidade de enriquecerse culturalmente comendo parrochas e non “sardinillas”, filloas ou freixós no canto de “crêpes”, ou roxós en lugar do que en tantos outros lugares chamarían “chicharrones”. Deste modo, empregar a nosa lingua nas cartas dos restaurantes e demais establecementos hostaleiros, así como nos seus taboleiros exteriores, rotulacións, folletos e publicidade en xeral, representa, ademais dunha expresión de cultura e respecto polo propio, un aliciente para os visitantes foráneos.

    Nesta mesma liña, o recurso a denominacións galegas para os establecementos, combinado cun formato e unha estética autóctonos, contribúen a incrementar o interese e atractivo da nosa oferta hostaleira.

    Trátase, en resumo, de facer un uso normal do galego no ámbito da hostalería e de aproveitar as potencialidades que o emprego da lingua propia ofrece no sector. Neste obxectivo, o SNL do Concello de Cedeira ponse á disposición dos profesionais hostaleiros, ofrecéndolles a súa colaboración. Así mesmo, proximamente achegaráselles un distintivo que, colocado nun lugar visible do establecemento, permitirá acreditar a súa adhesión á mentada campaña “Ole que arrecende, sabe que esmecha!” promovida polo SNL municipal.

  • DICIONARIO DE ALIMENTACIÓN E RESTAURACIÓN GALEGO-CASTELÁN-INGLÉS

    Na liña da campaña “Ole que arrecende, sabe que esmecha”, o Servizo de Normalización do Concello de Cedeira quere dar a coñecer o Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, coordinado polo eminente filólogo Manuel González e publicado pola Xunta de Galicia. Trátase dunha recompilación de termos da linguaxe gastronómica e culinaria. Ademais das denominacións galegas e os seus significados, ofrece as equivalencias en español e inglés, así como o nome científico de moitas especies animais e vexetais, para que a identificación dos produtos sexa sempre a correcta. É, xa que logo, unha ferramenta de grande utilidade para facilitar a comunicación nun sector clave, como é o da restauración. Pero non serve só para quen traballa en hostalería, este dicionario pode resolver as dúbidas de calquera mente curiosa que queira saber, por exemplo, os diferentes nomes dados á carioca en español ou como se di maragota en inglés.

    Na seguinte ligazón pode ver e descargar gratis a versión en pdf do Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés:


    VER PDF Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés

  • ÍMOSLLE TOMAR OS CHATOS

    Na liña da campaña “Ole que arrecende, sabe que esmecha!”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cedeira quere compartir unha entrada publicada recentemente no Portal das palabras titulada “As uvas máis comúns do país”.

    Tras unha breve introdución na que nos mostra algúns elementos clave no vocabulario do viño, preséntanos as sete variedades de uva de maior profusión na nosa terra e explica a procedencia dos seus nomes. Así, o termo albariño ten a súa orixe na palabra albus, que en latín significa ‘branco’. Visite a páxina e a próxima vez que vaia tomar os chatos terá un tema de conversación ben acaído!

    IR Á LIGAZÓN As uvas máis comúns do país

  • Campaña “En familia, en Cedeira, en galego”

    A lingua é un tesouro que herdamos e que en herdanza debemos deixar. A transmisión familiar é fundamental para a súa pervivencia. Somos un pobo rico, posuímos un grande patrimonio –a nosa natureza, as nosas tradicións, a nosa comida… – que debemos conservar. O noso idioma leva dando nome ás nosas cousas desde hai máis de mil anos. Nese tesouro hai, incluso, xoias máis antigas, palabras como carqueixa, gándara ou amorodo, que levan pasando de pais a fillos desde o paleolítico superior. Temos a grande responsabilidade de salvagardar esta fortuna e a maneira de conseguilo é darlle continuidade á cadea, coidar da lingua entre todos/as e legarlla aos/ás nosos/as nenos/as.

    Por iso lanzamos esta campaña, co ánimo de fornecer espazos en que o galego sexa o instrumento de encontro e comunicación entre grandes e pequenos/as. Ao longo dos vindeiros meses desenvolveremos unha serie de actividades multidisciplinares que nos axudarán a afondar no coñecemento da nosa contorna e dos nosos costumes a través do noso idioma. Aínda que están orientadas para as familias, están abertas a absolutamente todo tipo de público. A seguir enumeramos as principais actividades que forman parte do programa. Andando o tempo, iremos concretando as datas para a súa realización.

    • Obradoiro de panxoliñas tradicionais de Cedeira (15/12/17).
    • Teatro con monicreques, “O castiñeiro do Apalpador” (24/12/17).
    • Roteiro para coñecer a flora e a fauna autóctonas.
    • Obradoiro de repostería tradicional cedeiresa.
    • Obradoiro sobre xeoloxía básica local.
    • Roteiro histórico guiado polo casco vello.
    • Obradoiro sobre toponimia local.
    • Obradoiro de gastronomía cedeiresa.

    Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cedeira:
    Teléfono: 981 480 000
    Correo electrónico: normalización@cedeira.es

  • Obradoiro de panxoliñas

    As cantigas de Nadal están fortemente arraigadas na nosa tradición musical e queremos que as novas xeracións se acheguen a elas para coñecelas e cantalas. Por iso, dentro da campaña “En familia, en Cedeira, en galego”, o día 15 de decembro desenvolvemos o “Obradoiro de panxoliñas tradicionais de Cedeira”, unha excelente ocasión para o encontro, o divertimento e a recuperación das nosas cantigas populares. A convocatoria foi un éxito e moitas persoas acudiron ao Auditorio Municipal para pasar un bo rato e cantar unhas pezas que son froito do enxeño do pobo cedeirés.

  • TEATRO CON MONICREQUES: “O CASTIÑEIRO DO APALPADOR”

    Dentro da campaña “En familia, en Cedeira, en galego”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, trae unha actividade para que grandes e pequenos/as desfrutemos neste tempo de Nadal. Trátase da peza de teatro con monicreques “O castiñeiro do Apalpador”, producida por Fantoches Baj.

    Partindo da lenda popular galega, a obra presenta un carboeiro ao que a xente chama Apalpador. Este curioso personaxe contaranos a fabulosa historia do seu castiñeiro máxico e de como comezou a repartir as súas castañas no Nadal entre os nenos e as nenas que pasan famiña.

    Para pasar un bo rato en familia e coñecer as nosas tradicións!

    Domingo 24 de decembro – 12:00 – Auditorio Municipal de Cedeira

    Entrada libre

  • Charla sobre ditos populares

    A frases feitas e os refráns son parte importante da nosa lingua e de cotío recorremos a eles para expresar ideas que van máis alá do que as palabras que as conforman significan. Estes curiosos artefactos producidos polo enxeño popular válense moitas veces de nomes de persoas (como en ser un Xan) e nomes de lugares (como en facerse o de Covas) para encerrar un contido que acostuma gardar unha relación estraña coa expresión, unha relación que na maior parte das ocasións non temos clara. Será que houbo un Xan famoso por ter pouco carácter? Será que os de Covas son xente desentendida das cousas?

    Para resolver este tipo de dúbidas, o Servizo de Normalización Lingüística pediulle ao noso querido veciño Álvaro Porto Dapena que nos ofrecera unha charla que titulou “O porqué dalgúns ditos con nome propio de persoa ou de lugar”. De seguro aprenderemos cousas interesantes e pasaremos un bo rato coa conversa amiga deste cedeirés que tanto sabe das palabras.

    Sala da cafetería do Auditorio Municipal

    28 de decembro, 19:00 h

    Entrada Libre