Os deportistas tomarán este domingo as rúas de Cedeira con motivo do día da bicicleta
OS DEPORTISTAS TOMARÁN ESTE DOMINGO AS RÚAS DE CEDEIRA CON MOTIVO DO DÍA DA BICICLETA
O Concello de Cedeira convoca para este domingo, día 8 de xullo, a celebración do Día da Bicicleta, unha iniciativa que o día 1 tivo que ser suspendida polo mal tempo.
Agora cun prognóstico meteorolóxico totalmente favorable, o equipo de goberno confía en que sexan moitas as persoas que participen nunha actividade coa que se pretende fomentar os hábitos saudables entre á veciñanza coa práctica dun deporte que se adapta a todas as idades.
A cita dará comezo ás 12.00 horas na praza Roxa, emprazamento que tamén será o punto de chegada despois dun paseo en bicicleta polo casco urbano libre de automóbiles. A organización, que recae na Concellería de Deportes, conta coa colaboración de efectivos da Policía Local, de voluntarios de Protección Civil e de membros do Club Ciclista Punta Candieira para que os afeccionados poidan desfrutar dunha xornada diferente. O que é imprescindible é o uso de casco por parte de todos os participantes, nenos e maiores.