Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O programa “Cantos e Contos ao Solpor” traerá a Cedeira á compañía Aldaolado, ao grupo Falúa e historias populares

O PROGRAMA “CANTOS E CONTOS AO SOLPOR” TRAERÁ A CEDEIRA Á COMPAÑÍA ALDAOLADO, AO GRUPO FALÚA E HISTORIAS POPULARES

Este sábado arrinca na vila unha nova edición do programa “Cantos e Contos ao Solpor”, unha iniciativa do Concello de Cedeira para transitar do verán ao outono da man do teatro, a música e historias populares. A laranxeira que está ao pé do Concello volve ser un ano máis a referencia para as persoas que gusten de asistir a unhas citas culturais que son gratuítas e que comezan ás oito da tarde.

A primeira delas correrá a cargo do grupo Aldaolado, que porá en escena a obra “Cría fama e bótate a correr”, un espectáculo no que compañía foi quen de mesturar os seus mellores números con novos enredos, poemas, cancións e mesmo tamén algúns xogos.

As músicas galega, portuguesa e brasileira chegarán a Cedeira o día 23 coa actuación do grupo Falúa, que ofrecerá o concerto que leva por nome “Músicas da lusofonía”.

O programa “Cantos e Contos ao Solpor” pechará o día 29 coa participación da veciñanza con relatos populares. Tamén será ás oito da tarde.

O Concello recupera así mesmo, a partir do día 17 do presente mes, a programación de cine no auditorio. Esta primeira proxección arrincará ás 20.00 horas co filme “100 anos de perdón”. Nada mellor cunha película de suspense para recobrar vellos costumes. O prezo da entrada é de 3 euros. A sesión está aconsellada para maiores de 12 anos.