Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

“Sobre Rodas” confía na voz de Irene Caruncho para recadar fondos cara á compra do vehículo adaptado que precisa a entidade

“SOBRE RODAS” CONFÍA NA VOZ DE IRENE CARUNCHO PARA RECADAR FONDOS CARA Á COMPRA DO VEHÍCULO ADAPTADO QUE PRECISA A ENTIDADE

O Concello de Cedeira colabora coa Asociación Sobre Rodas na organización do concerto benéfico que a gañadora do concurso televisivo La Voz, Irene Caruncho, dará o venres antes os seus paisanos para recadar fondos destinados á compra dun vehículo adaptado. O concerto será no auditorio e dará comezo ás 20.00 horas.

O prezo da entrada é de 5 euros. As persoas que o desexen tamén poden colaborar con aportacións económicas a través da conta bancaria que a entidade social ten na Caixa Catalana. Uns 30.000 euros é o orzamento estimado para poder xubilar a furgoneta que desde hai anos veñen utilizando a diario persoas con distintos problemas de mobilidade para realizar compras, ir ao médico o mesmo tamén facer recados e xestións.

A presidenta da entidade Sobre Rodas, Malena Pérez Villar, destaca a antigüidade do actual transporte, que xa é unha adaptación feita nunha furgoneta de segunda man, así como a necesidade do servizo que serve de importante axuda para case medio cento de persoas. Valora a xenerosidade que a xente de Cedeira vén demostrando con respecto as actividades e o labor que se fai desde a asociación, ao igual que o Concello, e espera que o concerto sirva para dar un empurrón cara á compra dese novo vehículo que se está a necesitar. A entidade tamén precisa renovar algún material ortopédico que se deixa aos asociados.