Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Lugnasad de Cedeira comeza hoxe coa lectura do pregón e a “Noite dos Druídas”

O LUGNASAD DE CEDEIRA COMEZA HOXE COA LECTURA DO PREGÓN E A “NOITE DOS DRUÍDAS”

Un ano máis a vila de Cedeira está a revivir o seu pasado coa celebración do Lugnasad, unha festa de orixe castrexa e na que este sábado casarán arredor de trinta parellas de noivos de Galicia, España, Francia e Colombia.

A programación arrincará hoxe venres coa lectura do pregón, a cargo da parella formada por Germán e Peggi, e a actuación de Antonio Rodríguez Bustabad, profesor da Escola de Música Vila de Cedeira, para despois continuar, ás once da noite, coa “Noite dos Druídas” e a actuación do grupo Airoa.

O calendario de actos do sábado dará comezo ás 12.00 horas co desfile dos protagonistas desde o poboado da Madalena ata a Casa do Concello, onde van ser recibidos polos responsables municipais. A presentación oficial será ás 13.00 horas na praza Roxa.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá xogos populares para nenos (a busca do grial e o home do saco), e actividades para os maiores (lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro de corda). A actuación do grupo Asoaxe está prevista para as 20.00 horas.

A celebración das vodas celtas será ás 23.30 horas e, a continuación, dará comezo a cea dos noivos. A cerimonia é gratuíta pero para asistir á cea é necesario facer a reserva na oficina de turismo (Palacete municipal). A festa concluirá pasadas as doce da noite coa actuación do grupo Farrapo de Ghaita.

Desde a organización, que corre a cargo da Asociación de Amigos de Lugnasad, pídese tanto aos participantes como aos visitantes que eviten o uso de aparatos eléctricos e de música “enlatada” para crear un ambiente propicio cara á celebración da festa. Polo contrario, anímase ao uso de fachos e velas como parte da recreación do escenario no que se convertirá a vila de Cedeira durante os dous próximos días.