Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O goberno aprobou o orzamento para o presente exercicio, cuxo importe supera os 5.630.000 euros

O GOBERNO APROBOU O ORZAMENTO PARA O PRESENTE EXERCICIO, CUXO IMPORTE SUPERA OS 5.630.000 EUROS

A corporación de Cedeira aprobou os primeiros orzamentos do presente mandato cuxa cuantía ascende a 5.630.601,87 euros. Trátase, segundo o alcalde, Pablo Moreda Gil, “dun orzamento para cubrir as necesidades, especialmente sociais, do último trimestre do presente ano e para acometer os investimentos máis urxentes, xa que nós xa estamos a traballar no documento contable do próximo exercicio”.

O asunto saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE) e do BNG, mentres que o PP votou en contra.

Aínda que se trata dun documento cunha vixencia de apenas tres meses, o goberno municipal contempla actuacións cuantificadas en algo más de 600.000 euros. Entre elas destacan a compra, por importe de 10.000 euros, de camas xeriátricas; a reparación da estrutura e cuberta do CEIP Nicolás del Río, orzamentada en máis de 11.000 euros, e o proxecto de remodelación da área expositiva do castelo da Concepción, que implicará un gasto próximo aos 40.000 euros. O executivo local tamén ten reservada a cantidade de 14.450 euros para a instalación dun elevador no pavillón polideportivo, outros 1.800 para a compra dun desfibrilador destinado ao centro educativo e case 2.000 para o arranxo de pontes fluviais. Neste apartado de investimentos tamén figuran os 120.000 euros que o executivo destina este ano á reparación de camiños públicos e os 7.000 consignados para o pintado exterior do edificio da biblioteca municipal.

Nestas contas municipais recentemente aprobadas tamén están contempladas as axudas nominativas o de libre concorrencia que recibirán as entidades sociais, deportivas e culturais, que son as que corresponden ao exercicio do 2019. Entran este ano por primeira vez na lista a asociación Apader, a Asociación Benestar Animal de Cedeira e a Asociación de Mares de Cedeira, que recibirán 10.000, 8.000 e10.000 euros respectivamente. Pola súa banda, a axuda económica do Concello de Cedeira á agrupación de Voluntarios de Protección Civil ascende a 18.000 euros e serán de 10.000 euros nos casos das ANPAs Picapeixe (Nicolás del Río) e O Beco (IES Punta Candieira). Outras subvencións son os 3.800 euros que percibirá a asemblea local de Cruz Roja, os 33.000 cos que o Concello contribuirá á difusión da música a través da escola “Vila de Cedeira” e os 3.500 que administrará a asociación San Andrés de Teixido para eventos. A administración cedeirense tamén axudará con algo máis de 9.000 euros ás obras de mellora que se acometerán tanto na casa de acollida como no refuxio para persoas sen recursos, ámbolos os dous servizos xestionados pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, e reserva asimismo doutros 11.000 euros para o fomento do emprego.

A sesión tamén deu lugar á aprobación do catálogo de postos de traballo. Neste caso tanto o PP como o BNG votaron en contra da proposta do equipo de goberno, aínda que aceptaron participar na mesa de negociación cara á elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT), un obxectivo que o executivo prevé levar a cabo dentro do presente mandato.