Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA OBRAS DE MELLORA EN PRETO DE DOUS QUILÓMETROS DE PISTAS DE ACCESO A PARCELAS AGRÍCOLAS

O Concello de Cedeira ten en proceso de licitación a obra de “Mellora da capa de rodadura de camiños municipais”, unha actuación que o goberno local vai acometer no marco da convocatoria do Plan de Camiños Rurais de acceso a parcelas agrícolas da axencia Agader. Os traballos saen a concurso cun presuposto de 57.800€, dos que 43.986€ serán financiados coa subvención concedida pola axencia autonómica e os 13.814€ restantes irán a cargo dos orzamentos locais.

Concretamente, as obras realizaranse nas pistas de Condomiñas, Espiñaredo e Casal María, que teñen en común o estado de deterioro actual do firme. Os traballos consistirán en limpar as marxes e rechear as fochancas con pedras, aplicando unha triple capa de rego asfáltico nas dúas primeiras e unha de mestura bituminosa na terceira. O camiño de maior percorrido é o de Condomiñas, que ten 1,3 quilómetros. En total, a intervención abranguerá 1,8km.