Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ENTREGA MÁSCARAS E XEL HIDROALCÓLICO AO ALUMNADO DO NICOLÁS DO RÍO E O IES PUNTA CANDIEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Educación, Ermitas García Ríos, entregaron onte senllos paquetes de máscaras e xel hidroalcólico ao CEIP Nicolás do Río e o IES Punta Candieira para o seu reparto entre alumnado e profesorado. Segundo destacou o alcalde, “é unha doazón coa que queremos axudar ás familias, que teñen que facer un esforzo económico importante para cumprir coas medidas de seguridade, e mesmo recoñecer a responsabilidade que están a amosar as nosas comunidades educativas na loita contra o covid”.

A doazón do Concello de Cedeira ao colexio tradúcese no reparto de dúas máscaras -de tela e homologadas para 90 lavados- e un bote de 100ml de xel hidroalcólico para cada neno e cada nena, desde primeiro a sexto de Primaria, así como de 1.000 máscaras tipo FFP3 para o profesorado deste centro.

No IES Punta Candieira, pola súa banda, o Concello entregou 4.000 máscaras tipo FFP3 que serán repartidas polo propio centro entre alumnado e docentes.

Segundo explicou o alcalde, o Concello tamén está a disposición de todos os veciños ou veciñas que precisan de máscaras e demáis material hixiénico, que poden achegarse aos Servizos Sociais para solicitar esta axuda.

Actualmente o municipio de Cedeira está entre os de nivel de alerta 0 na páxina informativa do Sergas, tanto nos últimos sete días -menos de 7 contaxios detectados por PCR- como nos últimos 14 días.