O CONCELLO DE CEDEIRA REXEITA OS PARQUES DE EÓLICA MARIÑA PROXECTADOS NAS PROXIMIDADES DO SEU LITORAL
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, manifesta “o absoluto rexeitamente desta corporación aos parques eólicos mariños de San Brandán e San Cibrao que a compañía Iberdrola propón instalar no litoral ortegano”. O rexedor local acaba de asinar senllas respostas ás consultas que recibiu o Concello a mediados de xuño, referentes a estes dous proxectos, nas que desgrana as eivas de dita tramitación e solicita a súa suspensión. “Estamos totalmente en contra desta desfeita medioambiental e paisaxística, que causaría un grave dano á nosa flota pesqueira”, dixo o alcalde, que expresou tamén o seu rexeitamento ao parque eólico Badulaque, que Endesa prevé en terra, ao que tamén o Concello vai presentar alegacións.
Moreda Gil explicou que os grupos municipais están unidos na oposición aos proxectos de eólica mariña e amosouse convencido de que contan tamén co apoio da cidadanía de Cedeira e de toda a comarca. O Concello está disposto a convocar mobilizacións para rexeitar “estas barbaridades” e defender o futuro da actividade pesqueira e o equilibrio do patrimonio natural e paisaxístico do municipio.
“Queremos manifestar o noso apoio ao sector pesqueiro, non só polo seu papel como motor económico e fonte de emprego local, senón porque forma parte da esencia, da identidade, da cultura, do patrimonio e das tradicións do noso municipio”, expón a resposta que o Concello remitiu á Secretaría de Estado de Medio Ambiente. “Este Concello, se ben é sensible á necesidade da loita contra o cambio climático e entendendo o potencial das enerxías renovables na descarbonización, quere manifestar que é necesario partir dunha implantación coherente, regulada e ordeada que evite os impactos negativos sobre o entorno e as actividades e que garanta un desenvolvemento sostible e unha transición enerxética xusta”.
Consideracións
Nas alegacións remitidas polo Concello á Secretaría de Estado de Medio Ambiente, o Concello de Cedeira expón que o diagnóstico territorial e do medioambiente que contén o documento de inicio destes proxectos limítase aos concellos de Xove e Cervo –por ser as zonas polas que se faría a conexión terrestre-, obviando outras interaccións terra-mar que se verán afectadas. Así, non aborda cuestións esenciais para Cedeira, como por exemplo a poboación que vive da pesca e en que caladeiros traballa, entre outras moitas tanto referidas á actividade pesqueira como ao turismo, ao patrimonio natural, arqueolóxico, etc. que podería verse afectado.
Apunta tamén o Concello de Cedeira na súa resposta que o documento inicial fala só dunha parte dos recursos pesqueiros da zona, obviando outros que son capitais para a confraría local como os moluscos bivalvos, os crustáceos, o percebe… Cómpre recordar que na lonxa cedeiresa vendeuse en 2019 o 16% do percebe comercializado en toda Galicia e que representou o 20% da facturación do pósito.
Tampouco toma en consideración o documento de Iberdrola, no tocante ao impacto paisaxístico, os Camiños a Santo André de Teixido e outras rutas turísticas importantes para o municipio. E o mesmo sucede coa proposta do Xeoparque Cabo Ortegal, chamado a se converter nun proxecto tractor do desenvolvemento sostible da zona.
A estas cuestións suma o Concello de Cedeira outras eivas que presentan, xa de entrada, os proxectos dos parques de eólica mariña. Así, a institución municipal expón que a tramitación debería esperar pola aprobación da ordenación das demarcacións mariñas que ten que facer o Goberno de España segundo unha directiva europea e que está agora en fase de exposición. A esto engade que non se realizou ningunha consulta previa ao sector pesqueiro nin conta a proposta coa supervisión do Observatorio de Enerxía Eólica Mariña, no que están a Xunta e sectores implicados.
E por último, tampouco ten en conta Iberdrola, no documento inicial, as seis propostas de parques eólicos en terra moi próximos fisicamente e que están en exposición pública. Segundo di o Concello, sería preciso establecer os efectos acumulados e sinérxicos que todas estas intervencións terían sobre os espazos protexidos, especies, patrimonio, poboación, etc.