Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ENTRA NA REDE DE DESTINOS TURÍSTICOS INTELIXENTES

O Concello de Cedeira acaba de entrar a formar parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, unha sociedade impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo e dirixida a promover a mellor xestión, planificación e imaxe dos recursos a través dunha estratexia baseada na innovación, a tecnoloxía, a accesibilidade e a sostibilidade. Segundo destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a rede constitúe un nexo de unión entre o sector turístico público e o privado “e representa, en definitiva, un espazo no que atopar ferramentas para mellorar a competitividade de Cedeira como destino turístico”.

A Rede de DTI cumpre tres anos de existencia e integra, nestes momentos, 483 destinos, 63 institucións e 89 empresas colaboradoras. Entre outras actividades, a rede adoita promover actividades de formación, así como publicar manuais e guías de boas prácticas en relación con diferentes aspectos da xestión turística, como foi no seu momento a adaptación das praias ao contexto da Covid-19, ou outros temas como dixitalización ou a creación de páxinas web.