Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello da por finalizada a consolidación do monumento con forno de Punta Sarridal

O CONCELLO DA POR FINALIZADA A CONSOLIDACIÓN DO MONUMENTO CON FORNO DE PUNTA SARRIDAL

O Concello de Cedeira deu hoxe por concluída a terceira escavación levada a cabo no castro de Punta Sarridal, a primeira financiada pola administración local.

Desde hoxe mesmo, o xacemento arqueolóxico, no que no mes decembro de 2017 era localizada a quinta pedra formosa de Galicia, pode xa ser visitado polas persoas que queiran ver un pouco máis de cerca a construción dun asentamento galaico-romano cuxas orixes os expertos sitúan entre os séculos II ou III d.C.

Os responsables municipais, ademais de pedir o máximo respecto á hora de visitar o lugar, entenden que a súa misión é precisamente dar a coñecer un patrimonio que está na esencia do pobo cedeirense e que fala da súa singularidade e identidade propia. A idea do goberno de Cedeira tamén pasa pola colocación dun peche para delimitar a zona escavada e pola instalación de paneis informativos para que os visitantes poidan ter datos sobre o traballo realizado e os resultados acadados. Estas obras se levarán a cabo de seguido.

Esta terceira intervención, que daba comezo nos primeiros días do presente mes e na que estiveron traballando ata oito persoas, tiña como obxectivo a consolidación e posta en valor dos elementos ata o de agora localizados.

Con cargo a un orzamento de 12.000 euros (IVE incluído), a tarefa realizada deu lugar á recuperación do lousado e empedrado do acceso á antecámara así como dun banco situado en dita estancia. Tamén se actuou no arco de entrada á cámara, se consolidou a boca do forno e se deixou á vista tanto o paramento exterior do monumento con forno como o do exterior da muralla. Nun deles, ademais, foi localizado e recuperado un canal de auga.

Os primeiros traballos arqueolóxicos en Punta Sarridal deron comezo o día 1 de decembro do 2017. Con anterioridade, o Concello tiña levado a cabo unhas catas e localizados restos de cerámica e de muros de orixe castrexa. Tan só terían que pasar trece xornadas máis desde aquel día de decembro para que Cedeira entrase pola porta grande no mundo da arqueoloxía castreña co descubrimento dunha “pedra formosa”, a quinta da que se ten constancia en Galicia.