Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello agradece o pulo de entidades e veciñanza para o éxito do deporte local

O CONCELLO AGRADECE O PULO DE ENTIDADES E VECIÑANZA PARA O ÉXITO DO DEPORTE LOCAL

O goberno de Cedeira agradece ás entidades deportivas e aos veciños en xeral a súa contribución para os éxitos que o deporte local está a conseguir, tal e como así quedou demostrado nos últimos días coa celebración dun torneo de fútbol praia e da III Bandeira Concello de Cedeira de Traiñeiras. Nesta última, o Club de Remo Cabo da Cruz quedou gañador e os remeiros cedeirenses foron segundos empuxados polo numeroso público que desde as primeiras horas do pasado domingo seguiu a competición desde a zona portuaria.

Tamén foron milleiros de persoas, segundo dixeron os convocantes do torneo de fútbol praia -Manuel Martínez e Alfonso Picos- as que presenciaron os partidos que ao longo da semana pasada reuniron a un total de 31 equipos das categorías Sub-15, Sub-12 e Sub- 9 e outros 26 de xogadores séniors no areal urbano da Madalena. Só en participantes, aproximáronse aos cincocentos.

Os equipos gañadores foron “Todo corazón”, na categoría Sub-15; “Aldebarán”, Sub-12, e “Neones”, Sub-9. Os xogadores da formación local Jos-Car proclamáronse campións da categoría sénior.

O executivo local considera que tanto a resposta da xente á hora de presenciar competicións deportivas como os recoñecementos que o deporte local está a reunir en distintas disciplinas e niveis confirman o seu bo estado de saúde. Neste sentido, o alcalde, Pablo Moreda Gil, que reiterou o compromiso do seu equipo en apoiar calquera modalidade deportiva, apuntou que “o deporte cedeirense é un deporte vivo”.