O CONCELLO ACODE A PROGRAMAS AUTONÓMICOS PARA SUFRAGAR ACTUACIÓNS POR VALOR DE PRETO DE 150.000€
A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira deu luz verde na súa última sesión á tramitación de tres solicitudes para outras tantas convocatorias da administración autonómica dirixidas a obter 149.342,21€ en axudas e levar adiante diferentes proxectos de investimento. O plan de actuación máis cuantioso é o presentado ao Fondo de Compensación Ambiental, por valor de 88.568,87€, ao que se suma outro valorado en 57.773,34€ que concurre ao programa da Agader para a mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas, e un terceiro para a compra de fondos bibliográficos por 3.000€ de importe.
Con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental o Concello de Cedeira prevé afrontar o suministro de lámpadas led para as rúas San André de Teixido, Deportes e Río da Veiga (21.831,67€) e soportes metálicos para contedores situados na zona urbana (8.470€), así como a compra de maquinaria para tarefas de coidado do medio ambiente (14.500€). O mesmo proxecto inclúe a contratación de seis peóns e un técnico durante 79 días, cuxos custos salariais ascenden a 43.767,2€.
Por outra banda, o Concello de Cedeira acode ao plan de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas, que convoca a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), para acometer obras por un importe de 57.773,34€.
Ao abeiro dunha convocatoria da Consellería de Cultura, o Concello solicitou tamén axudas por valor de 3.000€ para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións existentes na biblioteca municipal.
Convenios
Por outro lado, a Xunta de Goberno aprobou a próxima sinatura de novos convenios de colaboración coas asociacións de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) e do Museo Mares, por importe de 5.500 e 20.000€ respectivamente. Nos dous casos, o Concello apoia as actividades que desenvolven estas entidades, xa que son beneficiosas para os intereses da localidade en materia cultural, medioambiental e turística.