Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ACLARA QUE A ASOCIACIÓN ESCOLA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA NON TEN ÁNIMO DE LUCRO

O Concello de Cedeira quere aclarar que a Asociación Escola de Música Vila de Cedeira é unha entidade sen ánimo de lucro e que non ten, e así o acredita cada ano a través da presentación das súas contas anuais, beneficios derivados das súas actividades. Co ánimo de corrixir unhas estimacións feitas públicas polo PP local, desde o goberno local, a concelleira de Cultura, Ermitas García, explicou que a concesión da axuda municipal para o funcionamento da escola está suxeita a esta condición e garantiu que a entidade cumpre escrupulosamente ano a ano toda a normativa vixente para o cobro da subvención.

Ermitas García recordou tamén que o Concello de Cedeira, a través da Concellería de Servizos Sociais, concede axudas económicas para garantir que todas as familias de Cedeira poden ter acceso á práctica das actividades culturais e deportivas que forman parte da oferta municipal. A edil destacou “o importante labor das asociacións que promoven e xestionan tantas actividades culturais en Cedeira, facendo desta vila un microuniverso de cultura e pensamento”.

Tal como se informou recentemente, o Concello de Cedeira aprobou un novo convenio coa Asociación Escola de Música.O importe total da subvención é de 111.000€ repartidos en 9.450€ no que queda deste 2020, 37.000€ para cada un dos anos 2021 e 2022 e 27.750€ para o período de xaneiro a xullo de 2023. Desde o goberno local indican que o orzamento anual de gastos da escola é de 89.800€ e subliña que as contas da asociación fanse públicas.

A administración local fixo a convocatoria por concorrencia competitiva e a devandita entidade foi a única que presentou o seu proxecto.