Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O colexio de Cedeira converte un vello patio nun horto que pode usarse para dar clase

O CEIP Nicolás del Río transformou un vello patio, abandonado, nun horto e un espazo que pode usarse tanto con fins educativos -non só pola propia plantación senón porque incluíron unha lousa para poder impartir clase- como lúdicos, como lugar para os recreos. «Co tema do covid-19 pensamos que había que aproveitar todos os patios interiores, ao ter que dividir os grupos. Había un interior que non se usaba e co orzamento do colexio e, sobre todo, coa axuda do Concello de Cedeira e de Mobles García, cambiámolo todo», explica a directora, Marta Cameselle. Os traballos comezaron antes do verán e culminaron en agosto, da man de persoal municipal e dos propios docentes. Entre todos lograron acondicionar unha superficie duns 200 metros cadrados.

O resultado foi «ounha horta e unha serie de actividades de dinamización, cun bancal para cada curso, onde os alumnos van plantar algo que dea froita, flor e tamén verdura, segundo a temporada e vendo a súa evolución», sinala Cameselle. Tamén hai mesas circulares que, de momento, polas restricións da pandemia, só poderán utilizar os grupos de convivencia, para traballar ao aire libre. Con esta iniciativa, o colexio gaña unha actividade, o horto, e un espazo «para que todos os grupos poidan estar separados nos recreos cando fai bo tempo», apunta a directora. Hai outros tres patios, xa habilitados, entre os que se reparten os alumnos do centro.

Polo patio da horta pasarán todos os colexiais, de xeito periódico, primeiro para limpar as herbas malas e abonar, e despois para plantar e realizar un seguimento das distintas especies cultivadas. A maiores, o Concello instalou un compostero, onde os escolares depositan os restos de froita que van tirando nun cubo en clase.

Fonte da noticia e fotografía: La Voz de Galicia

IR Á LIGAZÓN O colexio de Cedeira converte un vello patio nun horto que pode usarse para dar clase