CEDEIRA PRESENTA O DÍA 7 O CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN “CEDEIRA NO SÉCULO XX” DA ASOCIACIÓN DE MAIORES

O auditorio municipal acollerá este venres, día 7, a presentación da revista-catálogo da exposición fotográfica “Cedeira no século XX” reunida pola Asociación de Maiores de Cedeira e que se vén sumar a outras dúas anteriores sobre a mesma temática. A intención é contribuír á recuperación da memoria colectiva con imaxes de xente, do traballo e dos lugares máis representativos da localidade.

No acto, que dará comezo ás 20.00 horas, intervirán María Xosé Rodríguez Pérez, concelleira de Cultura, e máis Antóm Labranha, coordinador dunha mostra que se poderá visitar no Palatece municipal. O acompañamento musical correrá a cargo de Iria, Quique e Dopazo.