Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira pide á Xunta Xeral de Biscaia un fillo da árbore de Gernika para “ser plantado nun lugar preeminente”

CEDEIRA PIDE Á XUNTA XERAL DE BISCAIA UN FILLO DA ÁRBORE DE GERNIKA PARA “SER PLANTADO NUN LUGAR PREEMINENTE”

O pleno de Cedeira aprobou por unanimidade unha iniciativa do equipo de goberno, a instancia da Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol, pola que se solicita da Batzar Nagusiak (Xuntas Xerais) de Biscaia a doazón dun fillo da Árbore de Gernika “para ser plantado nun lugar preeminente e coa solemnidade que este carballo centenario merece”.

Tres son as razóns nas que a corporación xustifica a petición. Xunto co simbolismo que encerra a devandita árbore e a necesidade de reforzar a irmandade entre as comunidades vascas e galega, desde o equipo de goberno cualifícase de “especialmente dramática” a represión franquista que afectou de maneira máis directa a preto de 100 persoas que foron paseadas, fusiladas, desaparecidas ou encarceradas e recórdase que tanto o último alcalde republicano de Cedeira, Manuel Fernández, como toda a súa corporación foron fusilados no castelo de San Felipe o día 18 de decembro de 1936.

Nos argumentos recollidos no texto da moción tamén se menciona o campo de concentración no que entre os anos 1936 a 1939 estiveron recluídas máis de 200 persoas, principalmente procedentes de Asturias, e en cuxo emprazamento, desde o ano 2000, existe un monumento de pedra en recordo das vítimas, que acolle regularmente actos conmemorativos que rematan cunha ofrenda floral. A celebración dos mesmos tamén responden á colaboración que desde o ano 2010 veñen mantendo a Asociación Memoria Histórica Democrática e o Concello de Cedeira para “avanzar no obxectivo de procurar a verdade, a xustiza e a reparación para mulleres e homes que pagaron coa súa vida ou coa súa liberdade a defensa dos ideais de democracia, liberdade e igualdade cando estes estaban en perigo”.