Cedeira licita por 98.508 euros a instalación do saneamento nos lugares de Casal de María e Vila do Río

CEDEIRA LICITA POR 98.508 EUROS A INSTALACIÓN DO SANEAMENTO NOS LUGARES DE CASAL DE MARÍA E VILA DO RÍO

O goberno de Cedeira vén de sacar a licitación a obra que dotará de saneamento aos núcleos de Casal de María e Vila do Río, dous lugares dos 24 que existen na parroquia de San Román de Montoxo.

O proxecto, licitado por 98.508,14 (IVE incluído), consistirá na canalización das augas residuais domésticas ata os colectores da EDAR ubicada na mesma parroquia. Así, no caso do lugar Casal de María, a intervención dará lugar á instalación de 807 metros de tubaxes e á creación dun total de 20 pozos prefabricados.

En Vilar do Río, pola súa banda, a obra para a posta en funcionamento do servizo require instalar 193,5 metros de canalizacións e a construción de 6 pozos.

O prazo de execución dos traballos é de oito semanas e o relativo á presentación de ofertas concluirá o día 4 do próximo mes de abril. As empresas interesadas poden consultar os contidos da oferta na páxina web do Concello (www.cedeira.gal), así como os relativos á contratación na Plataforma de Contratación do Sector Público.

O goberno municipal agradece a colaboración das entidades veciñais na demanda e realización deste tipo de iniciativas, que seguen ser das prioritarias para o executivo local.