CEDEIRA ADXUDICA OS CONTRATOS PARA O PROGRAMA DE ACTIVIDADES QUE
TERÁ LUGAR AO LONGO DO PRESENTE ANO

O obradoiro de memoria e as clases de pintura darán comezo este venres en Cedeira e nos próximos días acontecerá o mesmo coas outras tres actividades previstas polo Concello para o presente ano. Trátase dos talleres e clases que, organizadas desde as concellerías de Servizos Sociais e Cultura, buscan xerar un benestar físico e social entre o colectivo da Terceira Idade así como incrementar os coñecementos en manualidades en xente de todas as idades. O programa inclúe, ademais dos obradoiros de memoria e pintura, ximnasia terapéutica, manualidades e baile activo para maiores de 65 anos.

A Xunta de Goberno aprobaba onte os cinco contratos que garanten o desenvolvemento destas actividades ata un total de oito meses e medio, nalgúns casos. O importe das adxudicacións ronda os 20.000 euros.

O obradoiro de memoria correrá a cargo de Marta López Villar. As clases terán lugar os luns e venres en Cedeira (as 16.00 e as 17.30 horas), en Esteiro-Sisalde serán os martes (16.00 horas) e mércores (17.15 horas) e en Esteiro-Sas, os mércores e xoves, a partir das catro da tarde. No caso de Montoxo, a iniciativa impartirase os martes e xoves, ás 17.15, mentres que en Santalla será os martes e xoves, ás 18.30 horas. A devandita programación prolongarase ata o mes de xuño.

Da ximnasia terapéutica impartiranse un total de 16 horas semanais entre o auditorio de Cedeira e os centros sociais de Santalla e Montoxo. As clases serán sempre os mércores en horario de 12.00, 10.45 e 9.30, respectivamente. O programa estará activo de febreiro a xuño para se retomar no mes de setembro ata finalizar o ano. A Clínica de Fisioterapia Penamoura foi a adxudicataria desde contrato.

Andrés Urritia Beato será o pintor local que volverá a estar á fronte das clases de pintura que xa son todo un clásico dentro da programación cultural do Concello de Cedeira. Este calendario dará comezo este mesmo venres en Montoxo, donde a actividade impartirase en horario de 18.30 a 21.00 horas. Cara á próxima semana e ao longo de todo o curso, a terceira planta das vivendas sindicais acollerá unha iniciativa que se levará a cabo os luns e martes, de 10.00 a 13.00 horas; os mércores, de 18.30 a 21.30 horas, e os xoves de 19.00 a 21.30 horas. As tardes dos venres están reservadas para o alumnado no CEIP Nicolás do Río, mentres que en Santalla impartirase todos os mércores, entre as catro e as seis da tarde.

En canto á actividade de manualidades cabe apuntar que serán 16 horas semanais. O baixo da praza da Rectoral acollerá as clases, que serán impartidas pola empresa Servicios Deportivos Galicia, os martes e venres, a partir das sete da tarde. A inscrición debe facerse no Palacete.

O Concello tamén contratou a Ivana Giustozzi para dar o programa de baile activo dirixido ao colectivo da Terceira Idade, que achegará a súa programación os luns, martes e xoves á sala Áncora, en horario de 11.00 y 12.00 horas. Serán doce horas á semana.

Manuela López Rodríguez, a concelleira delegada de Servizos Sociais, considera que este tipo de actividades son moi convenientes, sobre todo entre a xente maior, para que saia da casa e confraternice con persoas da súa mesma idade.