Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CARREIRA POPULAR E VERBENA NOCTURNA PARA DESPEDIR 2023 E DARLLE A BENVIDA AO NOVO 2024

Cedeira vai pechar o ano entre o deporte e a troula. O programa de actividades organizado polo Concello inclúe para este domingo, día 31 de decembro, a “Carreira Popular de Nadal”, unha cita lúdica e non competitiva con saída desde a praza Roxa ás 12.00h, e xa despois das uvas a Festa de Aninovo coa actuación da orquestra Origen.

A San Silvestre de Cedeira anúnciase coa definición de “carreira/andaina” para destacar o seu carácter aberto e non competitivo. De feito, non é precisa a inscrición e tampouco ten clasificación. A cita deportiva, aberta a todas as idades e na que cada quen corre ou camiña ao seu ritmo, celebrouse por primeira vez no ano 2013 e desde aquela contou todos os anos cunha alta participación -excepto en 2020, suspendida pola pandemia-. O Concello conta coa colaboración do Natación Cedeira para organizar esta proba.

Na mesma praza Roxa na que ao mediodía tomará a saída a carreira, acollerá pola noite a verbena de benvida ao 2024. Comezará á 01.00h e contará coa actuación da orquestra Origen. Despois de que o pasado ano o forte temporal obrigara a suspender a festa e trasladala ao día 6, o goberno local decidiu repetir desta volta nas dúas datas. Así, de novo haberá unha festa de Reis na noite do 6 ao 7, co orquestra Olympus, para pechar o programa festivo de Nadal.

No preámbulo do peche de ano van celebrarse dous concertos organizados pola asociación Ópera Studio. Hoxe ás 20.00h no Auditorio de Cedeira, o barítono Fran Pérez Piñón e a soprano Sara Cayetano Sío interpretarán unha selección de arias de ópera acompañados ao piano por Gabriel López. Mañá venres, ás 19.00h, o Auditorio acollerá un concerto do cuarteto de trompas “Catrocores”, formado por Aida Lozano, Ana Vergara, Mónica García Bereijo e Alma Sarasola.

Entrementres segue a funcionar o parque de xogos no Polideportivo Municipal, con inchables e outras atraccións instaladas e abertas de balde de 16.30 a 20.30h. A novidade de hoxe será a apertura dun espazo con realidade virtual e unha “Interactive Wall”, mentres que mañá e pasado chegará a quenda da Battle Nerf Arena e da Barredora Wipeout. Tamén mañá venres, no mesmo horario, haberá unha festa acuática na piscina municipal, para rapaces e rapazas a partir de dez anos. As atraccións abrirán de novo as súas portas o día 2, cando estará instalado no exterior do Polideportivo o Tirachinas Jumping.

O CONCELLO VAI IMPLANTAR UN SISTEMA DE MEDICIÓN DA CALIDADE DO AIRE NOS EDIFICIOS MUNICIPAIS

O Concello de Cedeira vai implantar un sistema de medición da calidade do aire nos edificios municipais, unha ferramenta que entre outras cousas vai permitir facer unha xestión máis eficiente dos sistemas de climatización e ventilación de cada un deles. O orzamento é de 13.565€ (IVE incluído) e o sistema os sensores que recollerán os datos e o despregue dunha rede de comunicación que permitirá ler en tempo real, desde un portal web, os niveis de monóxido de carbono, dióxido de carbono, partículas, temperatura, humidade e outros parámetros. O goberno local contratou a unha empresa local, Xenética IoT, para este traballo.

Desde o goberno local de Cedeira recordan que é unha prioridade camiñar cara a un concello sostible, eficiente enerxeticamente e comprometido co medio ambiente. Neste marco, o sistema de control da calidade do aire vai permitir coñecer en tempo real o estado de calidade ambiental de cada edificio municipal, detectando situacións de risco ambiental que puideran influír na transmisión dunha enfermidade como o Covid 19, por exemplo, ou momentos de exceso ou falla de calefacción. A recepción da información en tempo real vai facilitar a toma de decisións para corrixir as ineficiencias e favorecerá, en definitiva, o maior confort das persoas usuarias de cada un dos servizos municipais.

A ferramenta funcionará tamén como detectora dun posible risco de incencio, cando recolla datos sobre unha brusca concentración de gases e partículas que darán lugar a unha sinal de alarma. O sistema que se vai implantar cumpre cos estándares de calidade europeos.

O CONCELLO DE CEDEIRA SÚMASE Á XESTIÓN COMPARTIDA DO CENTRO DE DESENVOLMENTO RURAL A FUSQUENLLA

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente o convenio de colaboración para sumarse á xestión compartida do Centro Comarcal de Apoio ao Emprendemento e ao Desenvolvemento Rural A Fusquenlla. O servizo contou nos seus primeiros anos, desde 2018, co respaldo dos municipios de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, aos que agora se sumarán Cedeira e Fene.

O centro A Fusquenlla está situado no recinto feiral de Moeche. É un espazo creado para facilitar que as persoas que teñen unha pequena explotación agraria ou apícola poidan contar con instalacións e maquinaria axeitada para transformar os seus excedentes, ben sexa para o autoconsumo ou para a venda. Forma parte da Rede Provincial de Espazos Colaborativos de Traballo e boa parte da súa actividade está orientada á formación. De feito, para poder producir nas instalacións é preciso facer un curso sobre hixiene, trazabilidade alimentaria, seguridade e manexo do equipamento.

Os custes do funcionamento do centro, descontados os ingresos polas taxas que pagan as persoas usuarias e as subvencións, repártense a partes iguais entre os concellos colaboradores. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que o Concello quere contribuír ao desenvolvemento local participando na xestión destas instalacións, que no tempo que levan funcionando xa teñen amosado o seu interese para o emprendemento. Segundo dixo, son varias as persoas de Cedeira que empregan o centro e o seu equipamento para procesar os seus produtos.

Moreda subliñou tamén que os obxectivos e a filosofía do centro A Fusquenlla concorda plenamente coa estratexia do Xeoparque Cabo Ortegal de promover o desenvolvemento sostible do territorio. Do éxito das instalacións fala o bo número de produtores e produtoras que as empregan para preparar as súas conservas con vexetais de horta ou froita, zumes, marmeladas, mel, etc, e a lista de espera que teñen os seus cursos de formación.