Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Cedeira realiza traballos de limpeza das beiras e desbroces no río Condomiñas

CEDEIRA REALIZA TRABALLOS DE LIMPEZA DAS BEIRAS E DESBROCES NO RÍO CONDOMIÑAS

O goberno de Cedeira está a continuar este ano cos traballos de limpeza do río Condomiñas xa iniciados no 2017 en colaboración co ARCE (Amigos dos Ríos de Cedeira), tanto no que se refire ao desbroce das súas beiras como á retirada de escombro do leito do propio río.

Na actualidade hai dous traballadores contratados a conta do Fondo de Compensación Ambiental que fan labores de desbroce na zona comprendida entre a ponte da Acea e a EDAR (estación depuradora de augas residuais) e que continuarán ao longo de dous meses. Entre os meses de agosto e setembro tamén está previsto que comecen a súa faena no seguinte tramo do río, augas arriba, dous autónomos contratados polo Concello cunha partida de 3.000
euros reservada nos presupostos de 2018 para tal fin.

Ademais, o Concello de Cedeira conta que desde Augas de Galicia se realice tamén algún traballo de corta doas árbores que presentan maior risco de caída ou que xa están atascando o propio cauce, así como a intervención do voluntariado, algo que o goberno local valora tamén de cara á sensibilización da poboación.

Desde o executivo local considérase que é unha obriga recuperar un espazo de lecer que leva moito tempo abandonado.

Cedeira e moeche volven ir da man na promoción dos territorios polos seus recursos xeolóxicos

CEDEIRA E MOECHE VOLVEN IR DA MAN NA PROMOCIÓN DOS TERRITORIOS POLOS SEUS RECURSOS XEOLÓXICOS

As xeorutas en Cedeira comezarán o día 1 de xullo, mentres que en Moeche o farán o 8.

Os concellos de Cedeira e Moeche ofrecen de novo as xeorutas para dar a coñecer e poñer en valor o seu patrimonio xeolóxico no marco do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Un ano máis estes dous municipios ofrecen unha presentación conxunta das saídas: a primeira tenente de alcalde de Cedeira, María Xosé Rodríguez Pérez e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, compañadas do xeólogo Francisco Canosa, deron a coñecer o programa que se desenvolverá nos dous concellos durante os meses de verán.No caso de Cedeira, as saídas comenzarán o día 1 de xullo e rematarán o 12 de setembro.

Manteñen o seu carácter gratuíto e como novidade este ano, ademais das exitosas xeorutas dos cantís, do cromo, do granate e da praia de areas negras, introdúcese a xeoruta do litoral.

O obxectivo principal deste novo percorrido é facilitar a visita ao xacemento arqueolóxico do monumento con forno localizado no 2017 no castro de Punta Sarridal.
A concelleira de Cultura e Turismo de Cedeira e o xeólogo Francisco Canosa coincidiron á hora de destacar tanto a relevancia do monumento como a importancia de incluílo nun dos trazados das xeorutas dentro das actividades do proxecto do xeoparque. “É todo un luxo poder coñecer e gozar do noso contorno a nivel xeolóxico e tamén arqueolóxico” manifestou María Xosé Rodríguez, para engadir que “as xeorutas guiadas que ofrece o Concello de Cedeira están a disposición de toda a veciñanza e visitantes, para que poidan coñecer e desfrutar o noso patrimonio xeolóxico e agora tamén cunha mostra do arqueolóxico”.

Desde Moeche son dous os puntos que se dan a coñecer con estas xeorutas, a Mina Piquito e as canteiras de toelo, a “pedra de Moeche”. Darán comezo o 8 de xullo e rematarán o 1 de setembro. Dúas delas dedícanse á Xeoruta do toelo, que inclúe a visita ao Castelo de Moeche, e as outras doce xeorutas correspóndense coa Mina Piquito, un interesante percorrido guiado que se interna na derradeira mina subterránea de cobre que pechou en Galicia, contra o ano 1969, e permite observar excepcionais formacións de estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca,
marrón e negra. As visitas desenvólvense da man do xeólogo Francisco Canosa e, en palabras da alcaldesa, Beatriz Bascoy, “permiten ampliar a oferta turística do concello e da comarca a través do coñecemento non só do patrimonio xeolóxico, tamén da forma de vida en epocas non moi afastadas en Moeche e dunha dura profesión.”

Información na seguinte ligazón http://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/

Fogueiras de San Xoán e de San Pedro

FOGUEIRAS DE SAN XOÁN E DE SAN PEDRO

As solicitudes para a autorización das fogueiras de San Xoán e de San Pedro do ano en curso deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Cedeira.
O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 19 de xuño de 2018 ás 14:00 horas.

Descarga PDF Normas para as fogueiras da no¡te de San Xoán / San Pedro

Descarga PDF Solicitude de permiso para realizar fogueiras de San Xoán / San Pedro