Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS AUGAS DAS PRAIAS DE AREA LONGA E A MADALENA ACADAN UN ANO MÁIS A CUALIFICACIÓN DE “EXCELENTE”

As praias cedeiresas de Area Longa e A Madalena manteñen un ano máis a cualificación de “excelente” no informe correspondente á campaña de vixilancia sanitaria das zonas de baño que fai cada ano a Consellería de Sanidade e que se presentou nunha sesión do Consello da Xunta este mes. Acadan a máxima puntuación, por tanto, tal como vén sucedendo desde o ano 2020.

O informe da Consellería de Sanidade recolle os datos da calidade da auga durante o ano 2023 e será xa no vindeiro mes de xuño cando se poña en marcha unha nova campaña de control. Cómpre recordar que en 2011, 2012 e 2014 a mesma campaña outorgara un insuficiente á calidade da auga das praias de Cedeira, cun suficiente en 2013. A situación foi mellorando grazas ao esforzo realizado para mellorar a rede de saneamento por parte do Concello de Cedeira, de maneira que Area Longa e A Madalena recibiron un suficiente de 2015 a 2017 e un ben en 2018 e 2019.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira se ten sumado á Confraría de Pescadores local para denunciar que nos últimos tempos están a detectarse episodios puntuais de contaminación nas augas da zona e que o goberno local reclama a Portos de Galicia que subsane as eivas do sistema de saneamento na zona da súa competencia.