AS AMAS DE CASA DE CEDEIRA RECREAN UNHA ANTIGA VIVENDA PARA DAR A COÑECER OS SEUS TRABALLOS ARTESANAIS

O Palacete municipal de Cedeira acolle estes días a última exposición das Amas de Casa, unha mostra na que se están a exhibir os traballos e manualidades realizadas polas socias da entidade ao longo do pasado curso.

Colchas, edredóns, panos, manteis son só algunhas das moitas pezas confeccionadas a man que ata o día 15 do próximo mes estarán expostas ao público en horario de mañás e tarde, de luns a venres de 9.00 a 14.30 e de 15.30 a 21.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. En todos os traballos, xa sexan grandes ou pequenos, ponse de manifesto o elevado nivel de profesionalidade e o exquisito gusto das persoas que os levaron a cabo. Os hai feitos de calceta, de gancho, de bordado e mesmo de patchword, entre outros.

A iniciativa das Amas de Casa de exhibir os labores recreando unha antiga vivenda fai aínda máis atractiva e orixinal a mostra, na que tamén se poden mercar algúns dos traballos alí expostos. Uns medallóns feitos a man están a ter moito éxito entre as persoas que desde o pasado xoves xa pasaron polo Palacete. Muebles García tamén colaborou coa cesión dunha parte do mobiliario. Algunhas das pezas tamén foron achegadas polas propias socias dunha entidade que reúne a case 70 persoas e que está a presidir Ángeles Villar Fraguela.

Cara ao próximo curso, a Asociación de Amas de Casa de Cedeira xa ten organizado o programa de actividades, de maneira que o luns haberá calceta e baile, os martes costura e manualidades, os mércores bordado e baile, os xoves encaixe, gancho e punto e os venres patchword. As clases son todos os días de catro a sete da tarde. As persoas interesadas en participar poden chamar aos números de teléfono 649 703 998 ou 636 787 265.