Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Alumnos do IES Punta Candieira asistirán hoxe á obra “Quijote. R2D2 y el caballero de la triste figura”

A compañía de Ricardo Frazer “Tempestades” representará hoxe venres a obra “Quijote. R2D2 y el caballero de la triste figura” para alumnos do IES Punta Candieira.

A sesión dará comezo ás 10.30 horas e responde a unha iniciativa do Concello de Cedeira de acercar o mundo da escena á mocidade poñendo ao seu alcance obras que capten a súa atención. E nada mellor para iso que a figura de R2D2, androide que tomou parte na película de George Lucas, para que se vexan atrapados nunha divertida versión do clásico de Cervantes.

O desenvolvemento da obra orixinará un pulso entre a intelixencia humana e artificial nun duelo interpretativo sobre as táboas do auditorio municipal cheo de humor, maxia e loucura. O mago e actor Ricardo Frazer é o protagonista dunha peza cuxo texto, dirección e produción débense a María Bilbao, que tamén presta as súas cordas vocais e acciona ao autómata entre caixas.