Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A VILA DE CEDEIRA PREPÁRASE UN ANO MÁIS PARA CELEBRAR O SAMAÍN MÁIS AUTÉNTICO

Cedeira ten todo preparado para celebrar un ano máis un auténtico Samaín. Esta tradición secular, que corría perigo de desaparecer baixo o influxo do Halloween, rexurde en Galicia grazas ao esforzo de Cedeira e outras vilas que teiman en celebrar a festa de difuntos como fixeron de sempre os nosos antergos, tallando caliveras e contando historias de medo. O Concello organizou nesta edición número trinta e dous, como é habitual coa colaboración da Asociación de Amigos do Samaín e outras entidades da localidade, o programa de actividades que se vai desenvolver o venres e o sábado, co punto álxido no pasarrúas de pantasmas que percorrerá o casco vello o segundo día a partir das 20.30h.

No Paseo da Mariña instalaranse carpas para garantir o desenvolvemento das actividades ainda que chova. O venres a partir das cinco da tarde desenvolveranse un obradoiro de zonchos e outro de pintura. A dramaturga Carmen Conde ofrecerá a partir das 20.00 horas, xa ao lusco e fusco, un cursiño dirixido a nenos e nenas a partir de seis anos baixo o título “Quen ten cu ten medo”. A meiga aprenderá á rapazada a previr os medos cunha parte teórica, na que presentará á Santa Compaña, o Lobishome, a Meiga Chuchona, o Tardo e o Gatipedro, e outra práctica con xogos nos que a cativada aplicará os diferentes antídotos que os manterán a salvo dos diferentes monstros.

O programa do sábado desenvolverase tamén pola tarde, a partir das 17.00 horas. Baixo as carpas montarase a exposición de cabazas talladas, feitas nos obradoiros do día anterior e achegadas polas persoas que o desexen. Haberá tamén de novo obradoiros de tallado de cabazas e de maqueado e unha Casa do Terror, así como unha “Merendola de Outono” con bola de azucre e requeixo. A partir das 20.30 horas comezará o pasarrúas das pantasmas polo casco vello de Cedeira, un desfile que sempre é ledo, barulleiro e cheo de humor.

No programa publicado polo Concello de Cedeira con motivo desta XXXII Festa do Samaín recórdase que o sentido da mesma é reivindicar a propia tradición, que existe desde hai séculos, e facer dela unha celebración familiar e integradora na que teñen cabida pequenos e maiores. Chámase á xente a celebrala como é tradición, tallando cabazas ou disfrazándose como pantasmas blancas ou coas caras pintadas, sen “contaminar” o Samaín con disfrazes ao estilo halloween.