Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A liga de fútbol sala “Vila de Cedeira” reúne a 35 equipos, dos que 27 son infantís e 8 séniors

A LIGA DE FÚTBOL SALA “VILA DE CEDEIRA” REÚNE A 35 EQUIPOS,DOS QUE 27 SON INFANTÍS E 8 SÉNIORS

O Concello de Cedeira puxo en marcha un ano máis, e xa van trinta e seis, a Liga de Fútbol Sala “Vila de Cedeira”, unha competición con moito arraigamento na contorna e mesmo na provincia e que reúne desta volta a un total de 35 equipos, dos que 27 son infantís e 8 séniors.

Trátase da participación máis elevada acadada ata o de agora, xa que o número de xogadores triplica o anterior, tal e como se pon de manifesto desde o equipo de goberno. O executivo local valora esta resposta e invita á veciñanza e visitantes a presenciar os partidos que se celebran os luns, mércores e venres no pavillón polideportivo, a partir das seis da tarde. A entrada é libre e gratuíta.

A competición, que remará o día 7 de agosto, está a enfrontar a formacións de Cedeira, Ortigueira, Caranza e As Pontes, así como outras con xogadores da Coruña e Santiago de Compostela. Na liga sénior, participada exclusivamente por equipos locais, competirán os integrantes de A Traíña, Newti, Noroeste Galaico, A Tenda de Rosario, Café Bar O´Horreo, Pezones Negros, La Bodeguilla e Habichuelas.

A celebración deste ano trouxo como principal novidade a incorporación dunha categoría feminina, ás xa habituais masculina e mixta, pola presenza cada vez máis numerosa das mulleres tamén nesta modalidade deportiva de fútbol sala.