Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A escavación arqueolóxica do Campo do Castro arrincou onte

A ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA DO CAMPO DO CASTRO ARRINCOU ONTE

Un equipo arqueolóxico iniciou onte a escavación do Campo do Castro, a mesma zona na que na pasada primaveira foron localizados restos de cerámica e de muros de orixe castrexa como resultado das catas realizadas polo Concello de Cedeira. A área de intervención será agora de aproximadamente 100 metros cadrados.

A execución do proxecto, do que volverá a estar ao frente como director e arqueólogo Emilio Ramil, terá como obxectivo definir ás estruturas xa localizadas, así como recuperar as posibles ruínas arqueolóxicas das estancias pertencentes a un asentamento castrexo de certa importancia, a dicir dos expertos e máis dos restos dos muros que saíron á luz durante a terceira das catas realizadas na parcela de propiedade municipal, a mesma que agora acollerá a escavación. Ramil non descarta que poida quedar constancia de antigos pavimentos e divisións que axuden a definir as estancias do asentamento que existiu nesta punta da ría de Cedeira.

Os traballos que agora comezan prolongaranse durante once xornadas máis. O custo do proxecto, financiado integramente pola Dirección Xeral de Patrimonio, chega aos 18.000 euros. Nesta ocasión, o equipo estará formado por un total de cinco arqueólogos, outros cinco auxiliares de arqueoloxía, un topógrafo, un debuxante e unha persoa que se encargará de recoller en vídeo a evolución da escavación e os resultados que esta revele.

A execución dun posterior proxecto de consolidación de todo o recuperado permitiríalle ao Concello de Cedeira facer do lugar un paso obrigado para os moitos turistas que visitan o municipio ao longo de todo o ano pero, dun xeito máis numeroso, durante os meses de verán.

Enriquecer o patrimonio local e mesmo favorecer o sector turístico, moi importante para a economía local, estiveron entre as principais razóns argumentadas polo equipo de goberno para a realización das sondaxes que, na primavera desde mes ano -tamén executadas polo equipo de Emilio Ramil- viñeron so a confirmar a orixe castrexa dun lugar que posteriormente tamén sería ocupado polos romanos. Na primeira cata xa foron recuperados anacos de cerámica castrexa e romana.