Comeza a construción da pista de pumptrack na zona da estación de autobuses da vila de Cedeira
COMEZA A CONSTRUCIÓN DA PISTA DE PUMPTRACK NA ZONA DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES DA VILA DE CEDEIRA
Desde esta semana xa son visibles as obras de construción da pista de pumptrack que o Concello de Cedeira está a executar na zona da estación de autobuses. Trátase dunha intervención para que a rapazada local teña a posibilidade de practicar deportes alternativos como poden ser o skate, patíns en liña, longboard e mesmo bicicleta, segundo se pon de manifesto desde o equipo de goberno.
O proxecto, pensado para todas as idades e niveis de aprendizaxe, foi contratado á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL por importe de 65.712 euros. O prazo de execución é dun mes.
As dimensións da pista serán de 40 por 22 metros. É unha superficie suficiente para acoller tres rectas de diferentes perfís e catro curvas con peralte tanto á esquerda como á dereita. Haberá un único sentido de marcha para evitar posibles accidentes.
A iluminación será a existente na zona e tamén está prevista a instalación dun peche perimetral para determinar o espazo de xogo. A utilización dun asfaltado en quente para acondicionar a pista garante a máxima seguridade dun circuíto que tamén estará sinalizado.