Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO PRESENTOU O SEU CLUB DE SAÚDE EN CEDEIRA

O Auditorio de Cedeira acolleu a presentación do Club de Saúde da Asociación Española Contra o Cancro, en colaboración co Concello. O acto contou coa presencia de Isabel Estevan, representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro, Pablo Moreira, alcalde de Cedeira, Ana Isabel Lorenzo, xefa de Servizo do Centro de Saúde de Cedeira, e Teresa Berceiro, presidenta da Xunta Local da Asociación en Cedeira. Os Clubes de Saúde da Asociación están deseñados para mellorar a saúde integral — física, emocional e social — das persoas en zonas rurais, proporcionando ferramentas que fomenten un maior benestar, e conta co apoio da Consellería de Sanidade.

Un proxecto pola saúde integral en Cedeira

O Club de Saúde de Cedeira é unha iniciativa pioneira que pretende facilitar o acceso a recursos de saúde integral, especialmente en áreas onde estes servizos poden ser menos accesibles, promovendo o principio de equidade que defende a Asociación. Dirixido a pacientes con cancro, superviventes e os seus familiares, o club ofrece un espazo semanal de encontro e apoio. Entre as actividades que se desenvolverán, a cargo dun un equipo de profesionais especializados e voluntarios da Asociación, inclúense talleres sobre nutrición, exercicio físico adaptado, promoción de hábitos saudables, desenvolvemento de habilidades no manexo de emocións, e actividades que promoven a inclusión social e o benestar comunitario. Este proxecto piloto ademais de en Cedeira, tamén se levará a cabo en Melide e Vimianzo, con ánimo de crecer nun futuro en máis puntos do territorio da provincia coruñesa.

O Club de Saúde de Cedeira terá lugar no Centro de Saúde, todos os xoves do 20 de xuño ao 12 de decembro, en horario de 17.00 a 18.30 horas,. A participación no club é completamente gratuíta -como tódolos programas e servizos da Asociación Española Contra o Cancro-, requirindo unicamente dunha derivación por parte do médico de cabeceira ou a través dos voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro en Cedeira.

Pola equidade fronte ao cancro

A Asociación Española Contra o Cancro salienta cos Clubs de Saúde a importancia de fomentar a equidade no acceso aos recursos de saúde integral, especialmente en áreas rurais onde os servizos non sempre son tan accesibles como en núcleos urbanos. Para iso, o traballo en rede é fundamental nos Clubs de Saúde, que non só achegan recursos de

saúde aos municipios, senón que tamén fortalecen as comunidades rurais, creando espazos para que as persoas poidan conectar, compartir experiencias e apoiarse mutuamente, axudando a romper o illamento que a miúdo enfrontan as persoas con cancro. Ademais, os Clubs de Saúde fomentarán a atención próxima e a comprensión das necesidades locais, clave para responder efectivamente ás necesidades específicas de cada municipio, abordando tamén a soidade non desexada e as vulnerabilidades que poden xurdir co cancro.

Sobre a Asociación Española Contra o Cancro

A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos para mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar á beira das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 104 millóns de euros en 565 proxectos, nos que participan máis de 1.500 investigadores.

A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e case 1.000 profesionais.

Durante o 2023, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a 150.000 persoas afectadas pola enfermidade.