Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Un ano máis o percebe leva a festa á Vila de Cedeira

UN ANO MÁIS O PERCEBE LEVA A FESTA Á VILA DE CEDEIRA

Antes das 11.30 da mañá de onte xa había xente na explanada do porto de Cedeira para facerse coas primeiras racións de marisco que se poñían a venda na XVII Festa do Percebe.

“É a nosa festa”, afirmou o alcalde, Pablo Moreda Gil, que tamén destacou a calidade do produto e invitou a veciños e visitantes a sumarse coa súa asistencia a unha celebración moi consolidada dentro do calendario gastronómico da comarca. Moreda Gil considera ademais que “o pobo de Cedeira ten a cualidade de que o turista se sinta cómodo durante a súa estancia na vila”.

A organización do evento corre a cargo da Confraría de Pescadores, cuxa patroa maior, Lucía Villar Martínez, apuntou que este ano se porán á venda un total de 1.700 racións de percebes, 900 de empanada e 1.000 de polbo da ría de Cedeira. Os prezos son 13, 6 e 15 euros, respectivamente. Lucía Villar recordou que este ano o marisco tamén se pode adquirir na “Tenda da Lonxa”, que estará aberta tanto hoxe como mañá nos baixos da lonxa, e lembrou que actualmente máis de cen mariscadores se están a dedicar á extracción do percebe na costa cedeirense.

O programa inclúe actuacións musicais, obradoiros no museo Mares e un parque de inchables na praia de Area Longa para os visitantes máis cativos. Tamén está a funcionar un tren turístico que percorre nas dúas direccións a distancia que existe entre a praza de Galicia e o recinto festivo. Trátase así de evitar posibles problemas de tráfico na estrada do porto.

A vila de Cedeira vivirá hoxe a terceira xornada festiva da man do “rei do marisco”. A degustación comezará ás 11.30 horas e finalizará pasadas as sete da tarde.