Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PRESENTACIÓN DO LIBRO CEDÉ “O COLO DAS PALABRAS”

Tras a apertura o pasado sábado do Festival de Música GalegoPortuguesa “Traz outro amigo também” co concerto da guitarrista Isabel Rei, a IV edición deste programa continúa cunha exposición sobre Carbalho Calero, xa aberta no Palacete Municipal, e a presentación, o vindeiro sábado día 22 no Auditorio Municipal, do libro-cedé “O Colo das Palavras. Unha grainha de Semente”. O acto será ás 20.00 horas, con entrada gratuíta, aínda que é necesaria a reserva de localidades.

“O Colo das Palavras” é unha escolma de poemas de Antón Cortizas e a súa familia, musicados por diferentes artistas, que editou a asociación Semente Trasancos. Na presentación de Cedeira estará Antón Cortizas e tamén parte dos músicos que participaron no proxecto, para interpretar estas cancións dirixidas ás crianzas. Actuarán Xurxo Souto, Óscar Fojo, Fatado do Colo, Sofía Espiñeira e Manolo Bacallau, e nesta inmersión musical e linüística terán tamén o seu sitio dous grupos locais, “Perrallada” e “A Banda da Biblio”, formados por mozos e mozas do IES Punta Candieira.

No Palacete Municipal pode visitarse xa, en horario de 09.00 a 14.30 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 14.00, a exposición “Carvalho Calero: de Ferrol para o mundo”, cedida polo Concello de Ferrol e que percorre a traxectoria académica e vital do profesor, ao que no pasado ano 2020 se lle adicou o Día das Letras Galegas.

Cómpre sinalar que no marco da celebración desta IV edición do Festival de Música GalegoPortuguesa, tamén se gravou un podcast para Radio Discalza, a emisora do IES Punta Candieira, cunha conversa entre a guitarrista Isabel Rei e alumnos e alumnas do centro. Igualmente, Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua, mantivo unha charla en liña co alumnado do instituto.

As persoas interesadas en asistir á presentación do libro cedé “O Colo das Palavras” teñen que reservar as localidades a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou enviando un shatsapp ao número 649 876 614 en horario de 09.00 a 14.00h., indicando en calquera caso o nome das persoas que asistirán e un número de contacto. Letras Galegas

Por outra banda, o Concello de Cedeira promove tamén este ano unha celebración en liña co Día das Letras Galegas, chamando aos veciños e veciñas a gravarse en vídeo lendo os poemas da homenaxeada deste ano, Xela Arias, para compartilos despois nas redes sociais.

As persoas que queiran participar nesta homenaxe á escritora poden enviar os vídeos por whatsapp ao número 649 876 614 ou ao mail enrique.vazquez@cedeira.gal, ou ben compartilos nas súas propias redes sociais co hashtag #letrasgalegascedeira.Charla Informativa: O daño cerebral adquirido