Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PLENO EXTRAORDINARIO SÁBADO 3 DE SETEMBRO

O pleno da corporación de Cedeira aprobou onte, en sesión extraordinaria, unha declaración institucional de rexeitamento ao recorte de profesorado que a Consellería de Educación fixo no IES Punta Candieira para o curso que comeza. Tal como se informou, a convocatoria do pleno extraordinario tiña por obxectivo aprobar unha moción do PSdeG-PSOE e o BNG de Cedeira, na que se reclamaba o mantemento do plantel docente necesario para soster todos os ciclos formativos e a calidade da ensinanza no centro. Finalmente os grupos acordaron facer a devandita declaración institucional e reclamar una xuntanza co conselleiro de Educación para abordar o tema. Á reunión irán os voceiros/as de todos os grupos políticos con representación na corporación cedeiresa, xa que este é un problema que afecta ao conxunto da poboación.

Ademais do alcalde, Pablo Diego Moreda, e a concelleira de Educación, Ermitas García, e a voceira do BNG, María Xosé Rodríguez, e o do PP, Luis Rubido, no pleno celebrado onte tomou a palabra María Pernas, en nome da plataforma creada en Cedeira como reacción ao recorte de 11 postos docentes no instituto, unha decisión que motivou tamén a dimisión en bloque do equipo directivo. Na sesión púxose de manifesto que o centro perde este ano, respecto ao pasado, 18 matrículas e que o recorte de 11 docentes é unha medida desproporcionada coa realidade, e que o goberno local de Cedeira non vai escatimar esforzos na defensa do ensino público e do dereito da mocidade a un ensino de calidade. O alcalde, Pablo Diego Moreda, asegurou que a plataforma en defensa do IES contará con todo o apoio do Concello.

Veciños e veciñas de Cedeira ateigaron a praza do Concello, ao remate do pleno, nunha concentración para protestar pola situación.

Por outra banda, informamos tamén que o pleno de Cerdido aprobou onte por unanimidade a moción que, na mesma liña, esixe á Xunta que garanta o mantemento do profesorado e a calidade do ensino público no IES Punta Candieira.