Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS REIS MAGOS RECIBIRÁN O DÍA 5 AOS NENOS E NENAS DE CEDEIRA NO AUDITORIO MUNICIPAL

Os Reis Magos de Oriente enviaron estes días unha carta aos nenos e nenas de Cedeira comunicándolles a súa decisión de cambiar a tradicional cabalgata por un encontro, similar ao que xa se desenvolveu o ano pasado, para minimizar os riscos de contaxio do covid e atender igualmente as súas peticións. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán o día 5 no Auditorio Municipal, a partir das 16.00 horas, recibindo e escoitando ás crianzas.

Desde o goberno local organizouse un sistema de cita previa para garantir que a recepción das Súas Maxestades se desenvolve sempre cun aforo reducido, en orde e sen colas. Así, é preciso enviar unha mensaxe por whatsapp aos números de teléfono 649 876 614 ou 673 223 392, ou ben un correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal ou carmela.prieto@cedeira.gal, indicando o nome do neno ou da nena que vai acudir e o seu ano de nacemento (se son varios irmáns xuntos, incluír o nome e o ano de nacemento de todos), así como o número de persoas adultas que irán como acompañantes. O Concello porase en contacto o día 4 pola tarde coas persoas inscritas para informar da hora na que serán recibidas polos Reis Magos.

Está previsto citar primeiro os nenos e nenas de menor idade (en caso de grupos de irmáns terase en conta ao máis pequeno ou pequena) e desde o goberno local pídese puntualidade.

Pista de xeo e xogos

Por outra banda, está a ter unha excelente acollida a carpa de xogos instalada polo Concello de Cedeira na praza Roxa. Tal como se informou recentemente, ata o vindeiro 9 de xaneiro funcionará a pista de xeo sintético de 200 metros cadrados, así como os inchables e os talleres de actividades para as familias. Esta oferta de ocio está a disposición da cidadanía todos os días –agás o festivo do 1 de xaneiro- entre as 11.00 e as 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. A pista de xeo conta con 150 pares de patíns, con números desde o 25 ao 47, para repartir entre as persoas que vaian patinar. E na zona de xogos hai un inchable para nenos e nenas a partir de tres anos e un tobogán de 8×3 metros polo que as crianzas poden deslizarse subidas a un trineo. Xunto con estas atraccións, gratuítas e abertas no devandito horario, todos os días desenvólvense talleres lúdicos e educativos para as familias entre as 18.00 e as 20.00 horas.