Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O XEOPARQUE MUNDIAL UNESCO CABO ORTEGAL OFERTA DÚAS PRAZAS DE PERSOAL PROPIO

O Xeoparque Unesco Cabo Ortegal ven de iniciar o proceso de selección de dous postos de traballo ofertados pola asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal. Segundo as bases publicadas, os perfís a cubrir son os de xerencia e o de xeólogo/a, sendo necesario presentar a solicitude xunta coa documentación esixida a través da Sede Electrónica do concello de Cedeira.

Pódense consultar as bases reguladoras dos procedementos de selección, así como todas as publicacións que dela deriven, na sección de novas de www.xeoparquecaboortegal.gal.

As persoas interesadas en participar nestes procesos selectivos só poderán presentar as súas instancias vía telemática, a través da Sede Electrónica do Concello de Cedeira.

No caso do posto de Xerencia, requírese unha persoa altamente cualificada, con experiencia en xestión, capacidade de planificación e organización, capacidade analítica e conceptual, gran sentido da responsabilidade e que estea afeita a traballar en equipo. Para o posto de Xeólogo/a, tal e como recollen as bases reguladoras, ademais esíxese unha persoa altamente cualificada con experiencia na divulgación científica. En ambos casos, é imprescindible o coñecemento dos idiomas galego e inglés, así como ter dispoñibilidade para viaxar.

O sistema de selección para ambos postos constará de catro fases: concurso de méritos, exame con preguntas de resposta curta sobre o temario establecido nas bases, entrevista persoal e, se fora o caso, acreditación de idiomas (galego a inglés).

Estas convocatorias responden á necesidade da creación dunha oficina técnica con persoal propio, conforme os estatutos da Asociación e o compromiso adquirido e ratificado en sendas reunións da Xunta Directiva.

Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal

A peculiaridade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se atopan no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos.
Agora, co Xeoparque Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados. Trátase de facer que todo isto sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.000 habitantes dos sete concellos, pero tamén que se converta nun referente divulgativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas ou non. O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial -construcións, tradicións, gastronomía, etc.- están intimamente ligados dentro do Xeoparque, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de partida, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas desta figura da UNESCO

O proxecto comezou oficialmente a súa andaina para converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO EN 2020, cando foi formalmente constituída a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, dotándose así da personalidade xurídica propia esixida pola UNESCO para a presentación do proxecto de candidatura. Preséntase en primeira instancia este ano con resultado desfavorable.

Xa en 2021 e cos deberes aprendidos, presentase de novo e en este caso, con resultado positivo. Foi a finais do verán de 2022 cando recibimos a visita da comitiva de avaliación de dous auditores da UNESCO: Chris Woodley-Stewart – Geoparque North Pennines (Reino Unido), e César Goso – Geoparque Grutas del Palacio (Uruguay). Despois de moito traballo e un informe positivo de estes avaliadores, o 24 de 2023 anunciase oficial e publicamente a que Cabo Ortegal xa é Xeoparque Mundial da UNESCO, converténdose así no segundo de Galicia e o único territorio da Península Ibérica que obtén o distintivo esta anualidade.